Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na procura de salarios máis altos

A demanda do naval estimula a fuxida de traballadores do sector en Portugal

Os sindicatos lusos láianse de que a viaxe ao outro lado do Miño de profesionais formados en Portugal podería complicar o desenvolvemento dos estaleiros portugueses.

Redacción - 09:00 04/11/2008

O sector da construción naval en Portugal teme sufrir en breve dun déficit de traballadores. Sobre a "fuga" cara a Galiza dos profesionais alertaron a pasada semana desde a União de Sindicatos de Viana do Castelo. O colectivo urxiu a goberno e empresas en Portugal a estabeleceren incentivos para reter os traballadores e evitar que crucen o Miño na procura de ofertas mellores en Galiza.

O sindicatos portugueses temen que a competitividade do naval na rexión norte se vexa freada a curto prazo pola fuxida sobre todo dos traballadores máis novos e mellor formados. O asunto púxose sobre a mesa na xuntanza do Consello Sindical Interrexional, que reúne representantes sindicais de Galiza e do Norte de Portugal. Aló púxose de manifesto que, como media, un traballador galego do sector pode chegar a cobrar até case o triplo do que ingresa un empregado do naval portugués.

Unha tendencia xa detectada no sector da construción
A falta de man de obra polo transvase de traballadores cara a Galiza foi tamén queixa recente desde outro sector. Así, hai poucas semanas que o Sindicato da Construção do Norte volvía advertir do problema que afrontan as construtoras lusas.

Un responsábel desta formación sindical explicaba para a Agência Lusa que malia a conxuntura económica actual diversas empresas portuguesas do sector teñen problemas para contratar xente. O presidente do sindicato, Albano Ribeiro, expoñía por exemplo que unha soa empresa precisaba de 250 traballadores e que en conxunto era posíbel a contratación de "centos e centos". Malia a demanda, laiouse Ribeiro de que os afiliados de fóra de Portugal cos que contactaron rexeitaron en todos os casos volveren para aceptar algunha oferta no seu país. Segundo o dirixente sindical, un empregado da construción cobra en Portugal arredor da metade do que pode chegar a ingresar en Galiza polo mesmo traballo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: