Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA POLÉMICA

Lobeira expulsa dunha comisión parlamentaria o deputado popular López-Chaves

Os dous representantes políticos volveron discutir pola denominación do país (Galiza versus Galicia).

Redacción/Europa Press - 20:10 28/10/2008
Tags: Parlamento

O presidente da Comisión de Educación e Cultura, o nacionalista Bieito Lobeira, decidiu botar fóra o secretario da mesma, o popular Ignacio López-Chaves, logo da enésima discusión polo topónimo do país. O enfrontamento principiou nada máis arrancar a comisión. Lobeira daba por constituída a “comisión cuarta do Parlamento de Galiza” cando a López-Chaves lle faltou tempo  para replicar que esa comisión non podía constituirse porque non existía (en alusión á forma Galiza).

 Lobeira reivindicou o dereito a falar do Parlamento de Galiza e sinalou que xa a secretaria recollería a denominación de Parlamento de Galicia nas actas. Porén, o deputado do PPdeG insistía en pedir unha rectificación. Lobeira negouse a isto e chamou á orde en dúas ocasións ao parlamentario que seguía discutindo sobre o topónimo e advertiuno de que se mantiña a actitude acabaría por expulsalo. O deputado popular retrucou: “De qué comisión me vai expulsar?” Nese momento Lobeira decidiu botalo fóra da sala, logo de consultar cunha funcionaria o regulamento.

Unha vez constituída a comisión, a deputada conservadora Manuela López Besteiro pediu a palabra e mostrou o malestar do PPdeG pola expulsión do seu parlamentario. A ex conselleira asegurou que, fóra de micro, un deputado nacionalista lle chamou a López-Chaves “cerebro de mosquito”. Acto seguido da intervención de López Besteiro, os deputados populares abandonaron a comisión.

Logo do incidente, Lobeira quixo puntualizar que o motivo da expulsión "non é unha cuestión de diferenzas de criterios", senón que se debeu á "imposibilidade de poder desenvolver con normalidade a sesión", en alusión ás interrupcións de López-Chaves.


4,78/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: