Coalición Canaria propón tamén que o réxime fiscal especial das Illas se perfeccione collendo "o mellor" dos modelos de Euskadi e Nafarroa.
Paulino Rivero (CC), presidente do goberno de Canarias
"Cremos que debemos ir cara a unha reforma que transforme o Estado nun modelo confederal onde sexa un instrumento ao servizo dos intereses dos territorios e non á inversa, como acontece na actualidade", expón un dos relatorios votados favorabelmente no cuarto congreso de Coalición Canaria (CC). O documento apela á condición de "nación" das Illas Canarias e pide que no marco do recoñecemento da realidade plurinacional do Estado Español se avance cara a unha relación "bilateral" e de "cosoberanía".
"A bilateralidade implica que Canarias e o Estado se relacionen entre si de igual a igual, sen subordinacións de ningún tipo", indican, "o Estado debe ser leal coa Nación Canaria e non desleal como na actualidade". Ao fío cualifican a actual noción de soberanía "absoluta" do Estado de "caduca, vetusta e non adaptada aos novos tempos da Unión Europea".
A chave de futuro: "soberanía fiscal"
Nun sentido máis pragmático, o relatorio afonda na necesidade de que eses avances no autogoberno se expliciten no cambio do sistema fiscal. Nesa liña, e aínda salientando os "grandes beneficios" que lle atribúen ao réxime especial fiscal das Illas, Coalición Canaria maniféstase a prol dunha "ampliación e mellora" que ademais de conservar as vantaxes actuais colla "o mellor" dos réximes fiscais de Euskadi e Nafarroa.
"Debemos cambiar o chip e pasar dunha mentalidade subsidiaria ao escenario de autosuficiencia financeira e a responsabilidade fiscal que caracteriza os dous réximes forais anteriormente citados", propón o texto político de CC.
Coalición Canaria saíu das urnas en 2007 como terceira forza máis votada, atrás de PSOE e PP, e goberna desde aquela a través dun pacto co Partido Popular. Logo de coñecer o contido do relatorio, desde o PP advertiron que racharían o acordo con CC no momento en que a formación tentase introducir no pacto de goberno calquera dos puntos recollidos no documento.