O goberno vasco aínda ten seis meses para presentar un recurso ante o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos.
O pasado 27 de xuño o Parlamento Vasco aprobaba a lei de consulta popular, cos votos favorábeis de PNV, EA, EB, Aralar e un voto da esquerda independentista vasca (de nove deputados). A consulta debíase desenvolver este sábado, e pedíalles aos cidadáns vascos que sinalasen se estaban de acordo con abrir "un proceso de negociación para conseguir a paz".
Porén, o Tribunal Constitucional ilegalizouna o pasado 12 de setembro, admitindo os recursos presentados polo goberno español e o PP. Na súa sentenza, o TC sinalaba que a consulta era, de feito, un referendo e que, polo tanto, invadía competencias do goberno español, o único que, segundo a Constitución, ten potestade para convocar este tipo de consultas.
"Acatamos a sentenza pero non nos resignamos"
Naquela altura, o lehendakari Juan José Ibarretxe criticou a sentenza, describíndoa como "arbitraria e inxusta" e sinalando que a razón de Estado se tiña imposto á razón democrática.
O goberno vasco ten aínda seis meses de prazo para presentar un recurso ante o Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo, cousa que ten intención de facer, segundo revelara Ibarretxe, pouco despois de coñecer a sentenza do TC. Porén, só pode tramitar un recurso en Estrasburgo un Estado, unha persoa física, unha ONG ou un grupo de particulares que consideren que os seus dereitos foron vulnerados por unha decisión xudicial dun Estado membro da UE. Neste sentido, o goberno vasco como tal non podería presentar o recurso, senón que debería facelo outra persoa ou colectivo no seu nome.
Se o Tribunal de Estrasburgo o admitise a trámite, comezaría un longo proceso xudicial que podería prolongarse no tempo durante varios anos. As sentenzas deste tribunal son vinculantes para todos os Estados que asinaron o Convenio de Roma, entre eles o Estado Español.
Pedindo diálogo, autogoberno e paz
O PNV convocou para este sábado concentracións en varias cidades de Euskadi para reclamar "o diálogo, o autogoberno e a paz" no seu país. Os actos comezarán un bocado antes do mediodía en Gernika, Amorebieta, Duango, Urkiola, Legutiano e Vitoria, e os participantes realizarán un mosaico no que se poderá ler unha mensaxe reclamando a paz en Euskadi.