Anxo Quintana convida aos xornalistas a inspeccionar o coche oficial logo de que o PPdeG asegurase que había altos cargos con neveiras de seis mil euros nos seus automóbil.
Hai coches en San Caetano con “bochinche-móbil”? As dúbidas quedaron sementadas logo de que a deputada conservadora Susana López Abella asegurase que hai “altos cargos que dotan con neveiras de máis de seis mil euros o automóbil oficial”. Aínda que a parlamentaria chantadina non falou directamente do vicepresidente, Anxo Quintana retomou este venres a polémica. O líder do Bloque retou ao PPdeG a entrar no seu coche oficial e buscar a “minitaberna”.
Logo da liorta parlamentaria, Quintana convidou os xornalistas a entrar no coche oficial para verificar as súas palabras. Do maleteiro sacou unha neveira de supermercado para arrefriar auga. Segundo Vicepresidencia, o frigo costou 15 euros.