Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Agustín Fernández Paz, Premio de Literatura Xuvenil

"O maior e verdadeiro premio, o inesperado: o aprezo dos lectores"

Conversamos co autor despois de que lle outorgasen o galardón pola obra 'O único que queda é o amor', recoñecida así como a mellor do Estado en 2007.

R. Noguerol - 09:00 24/10/2008

Premio Merlín, Premio Rañolas, Frei Martín Sarmiento, Edebé, Barco de Vapor, Lista de Honra do IBBY, premio da Asociación de Escritores... Agustín Fernández Paz é un referente fundamental da nosa literatura, incansábel dinamizador didáctico, auténtico supervendas responsábel de prender aos libros a milleiros de rapaces e gañar tamén a admiración dos lectores adultos.

Dicíao con bo criterio o autor lugués Santiago Jaureguizar, un dos primeiros en felicitalo a pé da rede neste día en que lle outorgan o Premio de Literatura Infantil e Xuvenil a nivel estatal: en realidade, é este premio "o que vén de ter a honra de que o gañe Agustín Fernández Paz".

Boa colleita a nivel estatal, primeiro Beramendi, agora vostede...
Ben certo, un ano magnífico. E non hai nada que estaba na festa da Asociación de Escritores en Lingua Galega á beira de Xusto Beramendi. É magnífico poder compartir agora, en certo modo, este outro recoñecemento.

Se cadra xa non lle conmoven os premios a alguén cunha traxectoria tan rica neles?
Sempre conmoven, sexa premio pequeno ou grande. Malia que en todo caso o premio maior chega no momento máis inesperado, cando me para un lector pola rúa ou alguén me envía un correo. Eses son os verdadeiros premios e os que, no persoal, moitas veces un recorda máis. Porque a escritura á fin é un labor moi solitario. Son horas de soidade, moitas horas de reflexión e traballo sexa para o libro máis bo ou o menos bo. De aí tamén a alegría de ver cando transcende cara a afora, e máis en forma de premio.

Xa que logo, alén de premios concretos, como leva ese premio constante de que sexan os máis novos os que lle metan o dente aos seus libros?
Iso é o máis interesante deste traballo. O premio en si consegue visibilidade para un libro, é importante. Pero cando che para unha persoa na rúa, nunha feira do libro, por carta ou correo electrónico... iso é unha satisfacción moi grande. E eu a maiores teño a sorte de que esa relación e ese aprezo se poida estabelecer con lectores tan novos e que o expresan con esa sinceridade.

E que lle preguntan os rapaces cando se dirixen a vostede?
Pois non me podo queixar dos afagos. É extraordinario que che escriban para darche as grazas polo pracer dunha lectura, que che digan que te seguen e que van mercando os teus libros. Habitualmente sempre fan referencia a libros concretos. Hai reflexións inxenuas e tamén moi maduras. Hainos que teñen inquedanzas literarias, outros que non lían até que din atopar algo que lles gustou.

Falando de rapaces, ten vostede unha comprometida traxectoria a pé dos movementos de renovación pedagóxica. "O pracer de ler" transformou abondo a escola? Parece que só escoitamos reflexións pesimistas... Como ve a situación?
Disinto profundamente desa visión negativa. Non creo que houbera ningunha pasada idade de ouro onde os rapaces lían moito máis. Eu de feito lembro todo o contrario da miña propia infancia, onde o acceso a libros e ao propio ensino era reducido. Pola miña experiencia, penso que cando lle pos nas mans a un cativo o libro axeitado para el, vai descubrir con agrado que lle gusta. Téñoo visto máis dunha vez. Recordo por exemplo o caso dun rapaz que escapaba da literatura como o vampiro dos allos e logo de descubrirmos que lle gustaba o xénero do terror, vimos como rematou devorando o Drácula de Bram Stoker. Sempre pensei que aparte de investir en bibliotecas había que facer esforzo en mediadores, xente que contribúa a abrir canles que unan lectores e libros. E por certo, a rede estáse descubrindo como medio moi atractivo para o espallamento do devezo literario, hai blogs de aula e bibliotecas interesantísimos.

"Na vida o único que queda é o amor", o verso de Pamuk do que nace o título do libro, como é que se decidiu por el?
Inicialmente tivo un título provisorio. Estaba inspirado nunha frase tirada do filme 2046, "Todas as nosas lembranzas son sucos de bágoas". Quedeime coa idea e "Sucos de bágoas" era en principio a opción pensada para o título. Posteriormente, lendo Neve, de Orhan Pamuk, atopei unha idea que encaixaba como anel no dedo. Ese verso, "Na vida o único que queda é o amor", concentraba perfectamente o fío dos relatos, en todas as súas dimensións, tanto na parte amarga do amor, como na beira que os relatos tamén exploran a súa parte luminosa. A convicción de que o amor cámbialles a vida ás persoas.

Ademais falar do amor nunca pasa de moda... síntese cómodo explorando o tema?
Pois é verdade que non é un tema que teña tratado tanto, aínda que si me interesei nalgúns momentos en obras anteriores. De calquera forma, nunca coa intensidade que lle adico neste libro e de xeito tan directo. Reparo en dous grandes temas que poden ter un peso decisivo na vida das persoas, está o amor, e logo están os libros.

Xustamente lle ía preguntar, un libro que fala de amor e tamén fala de libros, algo que lle gusta ben...
Marca da casa. Gústame introducir un personaxe que é lector. Cumpre unha función para min decisiva. Como as cereixas, un libro leva a outros libros. Sérveme ademais para facer homenaxe a autores que foron importantes para min nun ou noutro momento, como neste caso, entre outros, José Ángel Valente, sen dúbida, un dos poetas da miña vida.

E está a gusto no relato curto?
Síntome predisposto á novela, malia ter experimentado cos relatos. Diría que me inclina a optar como agora polo relato curto cando teño un fío común que os articula a todos eles. Neste caso, é o fío do amor o que lle dá sentido e unidade a todo, aínda sendo os relatos diferentes. Cunha novela vives se cadra durante meses no seu mundo, e aquí o proceso creativo é máis intenso que extenso, coidando máis a intensidade de cada frase e cada escena. Cun acabado máis emocional.

Danlle a vostede un Premio de Literatura que leva o apelido "infantil e xuvenil" pero esta é unha obra que ben podería prescindir desa clasificación, como leva o asunto da etiquetaxe?
É unha das miñas teimas, xa que sempre pensei que hai preconceptos pouco axeitados sobre o que é a literatura xuvenil ou infantil,un reducionismo que leva a algúns a pensar que se trata de libros para instituto con ingrediente de drogas, sexo e rock&roll e cousas similares. Cando o certo é que se queremos falar de literatura xuvenil debemos facelo dun xeito máis serio e complexo, adicándolle o cualificativo de xeito xeral a todo aquel libro que poden ler os mozos e mozas sen seren desafiados por excesivas dificultades formais. Co meu editor xa valoramos esa circunstancia, da conveniencia ou non de incluílo na colección de adultos. Pero ao cabo, decidimos que iso podía afastalo de que algunha xente moza chegase a el, cousa que probablemente acontecería menos ao contrario.

De feito na edición portuguesa vai directamente encadrado nunha colección para adultos.
Xustamente, é exemplo desa idea de fronteira. Malia que é posíbel que haxa aínda un sector con prexuízos a ese respecto, é esa tendencia a facer clasificacións excluíntes. Pensemos de todos os xeitos que libros como Metaformose, de Kafka ou Baixo a roda, de Hesse, foron incluídos en coleccións xuvenís. Eu escribo nunha liña de fronteira, cun pé en cada lado, e comparto a aspiración manifestada por moitos autores, como é o caso por exemplo do noruegués Jostein Gaarder, quen insiste en moitas ocasións nesa necesidade da loita explícita pola dignificación da literatura infantil e xuvenil. Teño unha aspiración semellante. E a verdade é que me reconforta recibir afagos de lectores de todas as idades. A literatura á fin, cando emociona, faino a todos.

Agora que falabamos de Portugal, "vendan este libro nas farmacias", adicoulle un entregado crítico luso a esta súa obra. Un exemplo de que a literatura é curativa?
(Ri) É un libro que apela ás emocións e os sentimentos, ás gañas e desacougos, as voltas do vivir. O amor, no fondo conecta con esas ideas. Membros do xurado dicíanme que ao reler algún dos relatos aínda lles prendía a emoción malia un fondo triste. Como nos filmes de chorar, que acabas e saes satisfeito malia a turbación.

Por certo, como foi a creación das ilustracións, de que conexión saíron eses trazos de Pablo Audell que enmarcan con tanto xeito as historias?
Son unhas ilustracións extraordinarias, e o libro gaña moitísimo con elas. É un autor magnífico, que se move con grande xenio tamén no cómic. O propio universo de Audell conecta moito coa pegada dos contos e el sentiuse motivado co proxecto. Recordo quedar abraiado cando vin a primeira mostra do seu traballo para o libro. A propia portada é tomada dunha das referencias cinematográficas utilizadas no libro, O ceo sobre Berlín, de Wim Wenders.




Ligazóns

5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: