Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OBITUARIO

Morreu Rubén García, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

O mundo teatral, que lle rendeu varias homenaxes nos últimos tempos, destacou a súa contribución á revitalización da escena galega.

Redacción - 16:30 22/10/2008

Rubén García, director e a persoa que revitalizou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, morreu a última hora do martes despois de ter sufrido no último ano unha enfermidade dexenerativa, esclerose lateral amiotrófica. Tiña 57 anos.

Nos últimos meses recibira varias homenaxes, como o premio de honra da AELG, en abril, e o Marisa Soto nos María Casares, en marzo.

O mundo do teatro galego lamentou o pasamento de Rubén García. O actor e dramaturgo Manuel Lourenzo explica que, aínda que non tivera moita relación nos últimos anos con García, o considera unha persoa "afectuosa" que o acolleu "con cariño e solidariedade". Tamén salientou a importancia que tivo de dotar a mostra de teatro de Ribadavia de carácter internacional.

Outro aspecto que salienta Lourenzo é a participación de García nos debates que se abriron no seo da Sociedade Abrente sobre o futuro do teatro do país: "Todas as persoas que facemos teatro en Galiza debémoslle moito", e o feito de que na mostra de Ribadavia se xestase o teatro galego de despois dos anos 70. "Estaba asociado a aquela idea, que soaba a utopía, até que se fixo realidade".

Pola súa banda, Inma López Silva afirma que "Rubén é probablemente unha das personalidades máis importantes do teatro galego" e lembra que foi "practicamente o impulsor da Feira de Teatro de Galiza e da Mostra Internacional de Ribadavia", de "aspecto simbólico para o teatro galego. Tamén subliña que "fixo moito por normalizar" a arte no país.

"Persoa incansábel e moi querida", lembra del a homenaxe que se lle rendeu na clausura da Mostra de Ribadavia deste ano: "Todo o mundo en pé aplaudindo, dende os veciños de Ribadavia até todo o mundo do teatro".


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: