A súa obra obtivo cinco premios (entre eles o de mellor espectáculo e mellor dirección), un máis que 'A Piragua' de Cándido Pazó, que gañou o de mellor texto orixinal.
Noite de Reis, A Piragua, Noite de Reis. A festa do teatro galego converteuse nun man a man entre as dúas obras, ou entre Cándido Pazó e Quico Cadaval (o que queirades), que ao longo da noite foron repartíndose os premios máis importantes dos María Casares. Ao final gañou Quico e a súa Noite de Reis; tivo un premio máis que A Piragua e levou o de mellor dirección e mellor espectáculo, aínda que Cándido Pazó viuse recoñecido como mellor autor, co galardón ao texto orixinal.
Pero Noite de Reis e A Piragua eran en realidade dous ciclistas do mesmo equipo: o CDG. O Centro Dramático Galego acaparou destes xeito a meirande parte dos premios, deixando ao resto das obras cun só galardón por cabeza. Nunca nos doce anos de historia dos María Casares o teatro público dominara dun xeito tan claro, quedando moi relegadas as compañías privadas. En canto ás interpretacións, Ernesto Chao foi elixido mellor actor do ano por As últimas lúas, e Susana Dans mellor actriz por A Piragua. Os secundarios foron para Xan Cejudo, por Noite de Reis, e Mónica Camaño por Emigrados.
A gala, que tivo lugar no Teatro Rosalía da Coruña, foi rápida (o que se cadra agradeceron os asistentes máis impacientes), e bastante sobria en canto ao espectáculo: apenas catro ou cinco cancións, entre as que destacou Matilde Blanco e Feli Manzano repartindo entre o público ramalliños de grelos (!!), cantando aquela Violetera de Sara Montiel. Si houbo maior despregue de fastos no exterior do teatro, alfombra vermella incluída, e unha limusina que recollía aos asistentes a cen metros do teatro e os deixaba na porta.
Celebrábanse onte os trinta anos de teatro profesional, e Suso de Toro leu un manifesto no que reclamou que o teatro "ten que inventar de novo o teatro, como cada neno inventa, descobre, al adulto que leva dentro". O autor salientou ademais que os profesionais galegos construíron o seu oficio practicamente dende a nada e nel deféndese a validez do teatro nuns tempos tan rápidos e tumultuosos como os actuais, porque nos fai "oír e ver a vida". Sobre o teatro galego, o manifesto apunta que "aínda non é coma todos, coma os demáis teatroa", xa que, "despois de se inventar a si mesmo, aínda ten que inventar o seu público".
Rubén García e John Balan
O momento máis emotivo da noite, que tivo a súa cota de reivindicación centrada en Palestina e nas mulleres do teatro, tivo lugar na entrega do premio de honra Marisa Soto a Rubén García, fundador e alma da Mostra de Teatro de Ribadavia. Acompañado pola súa filla, que falou o que el escribira, Rubén García reclamou o valor do teatro e nun emocionante texto lamentou non poder agradecer persoalmente o premio, debido á súa "fodida enfermidade".
Os María Casares foron unha festa, como todos os anos, unha festa para os autores, actores, actrices e traballadores do teatro, unha festa para toda a xente do teatro, público incluído, dos que se lembrou Quico Cadaval. Cadaval lembrouse do que un día lle dixera na Sala Nasa o recentemente falecido John Balan: "no teatro hai que dirixirse nalgún momento de xeito especial aos que están no galiñeiro, porque eles son os que foron ao teatro con máis gañas".
Listaxe completa de premiados
MELLOR MAQUILLAXE
Bacana, por Hendaya mon amour, da compañía Bacana.
MELLOR VESTIARIO
Ex aequo
Gilda Bonpresa, por Noite de Reis. Ou que queirades, do Centro Dramático Galego.
La Canalla, por O Burgués Fidalgo, de Teatro do Morcego.
MELLOR ILUMINACION
Afonso Castro, por A Piragua, do Centro Dramático Galego.
MÚSICA ORIXINAL
Manuel Riveiro Hermo, por A Piragua, do Centro Dramático Galego.
MELLOR ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN
Avelino González e Olga F.Nogueira, por A bombilla máxica, de Teatro do Atlántico.
MELLOR TEXTO ORIXINAL
Cándido Pazó, por A Piragua, do Centro Dramático Galego.
MELLOR ESCENOGRAFÍA
Baltasar Patiño, por Noite de Reis. Ou o que queirades, do Centro Dramático Galego.
MELLOR ACTOR SECUNDARIO
Xan Cejudo, por Noite de Reis. Ou o que queirades, do Centro Dramático Galego.
MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA
Mónica Camaño, por Emigrados, de Teatro de Ningures.
MELLOR ACTOR PROTAGONISTA
Ernesto Chao, por As últimas lúas, de Lagarta Lagarta.
MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA
Susana Dans, por A Piragua, do Centro Dramático Galego.
MELLOR DIRECCIÓN
Quico Cadaval, por Noite de Reis. Ou o que queirades do Centro Dramático Galego.
MELLOR ESPECTÁCULO
Noite de reis. Ou o que queirades, do Centro Dramático Galego.