Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS USUARIOS PAGARÁN 54 EUROS MESUAIS, COMO MÁXIMO

Máis de 800 persoas beneficiaranse inmediatamente do programa 'Xantar na Casa'

Vicepresidencia destinará 800 mil euros para levar este servizo a 90 concellos.

Redacción - 17:55 15/10/2008
Serán moitas as persoas maiores que se beneficiarán do programa Xantar na casa

Serán moitas as persoas maiores que se beneficiarán do programa Xantar na casa

Este mércores presentouse en Compostela o programa 'Xantar na casa', froito da colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e as administracións locais dos concellos adscritos. O servizo achegará menús elaborados con produtos do país aos domicilios de persoas maiores, dependentes ou aquelas que se atopen en situacións de exclusión social. A finalidade do programa é garantir a permanencia no fogar dos beneficiarios, permitindo ao mesmo tempo unha maior autonomía das familias coidadoras.

A primeira fase do plano comezará a funcionar de forma inmediata en 90 concellos, dando cobertura a máis de 800 persoas. Isto supón un custo de 800 mil euros para a Vicepresidencia, mentres que os usuarios pagarán un máximo de 54 euros cada mes. Os concellos nos que 'Xantar na casa' comezará a funcionar agora foron elixidos atendendo a criterios como o índice de avellentamento, ratio de dependencia senil ou grao de dispersión da súa poboación. O programa contará con nove vehículos e 34 profesionais adicados ás tarefas de elaboración, envasado e distribución da comida.

O acto de presentación celebrouse este mércores na praza da quintana. Ademais do vicepresidente estiveron presentes a directora xeral do Benestar, María Xesús Lago; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Lois Pérez Castrillo; e os alcaldes dos 90 concellos que comezarán a aproveitarse do programa inmediatamente.

Quintana valorou de forma positiva a importancia que ten a colaboración entre a Vicepresidencia e os concellos, realizada a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Tamén resaltou que este proxecto muda o fluxo de interacción no eido da dependencia, xa que "agora son os recursos os que se achegan á xente e non a xente aos recursos".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: