Mulleres Deportistas Galegas é o nome desta entidade, que se presentou en Compostela, coa adhesión máis de medio cento de persoas vinculadas deporte.
A asociación Mudega (Mulleres Deportistas Galegas) presentouse esta terza feira en Compostela, coa presenza dun importante número de deportistas do país (a triatleta Aida Valiño; a ciclista de BMX Eva Castro; a judoka Sara Álvarez; Sonia Pacios, capitá da selección galega de futsal, subcampioa do mundo; a árbitra de hóckey, Teresa Martínez, entre outras moitas), así coma de representantes de federacións deportivas e tamén coas máximas responsábeis do Deporte Galego, a conselleira Ánxela Bugallo e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto.
Na presentación estaba a presidenta da nova entidade, a seleccionadora nacional de fútbol, Pilar Neira, quen destacou a necesidade de crear esta asociación para "facer un deporte en igualdade".
Mudega vai traballar como apoio das deportistas do noso país, funcionando, por veces como asesoría, axudándolles a loitar contra as formas de discriminación que se produzan no eido deportivo. Neste sentido, tamén ha traballar como altofalante daquelas mulleres que sufran algún tipo de discriminación, ao tempo que axudará ás federacións a promover a participación das máis cativas na práctica deportiva, e ás institucións a desenvolver iniciativas políticas que melloren as condicións das mozas que queiran dedicar parte da súa vida ao deporte.
"Xuntas facemos equipo!"
Na presentación, a conselleira Ánxela Bugallo reiterou o apoio do Goberno a esta iniciativa, lembrando que "dende o comezo da nosa andadura na Consellaría traballamos no feito de ser capaces de que o deporte feminino fose visíbel, xa que nos parecía de xustiza que homes e mulleres recibisen o mesmo trato, por iso consideramos moi importante a creación desta asociación e o traballo que ides desenvolver dende ela". Bugallo tamén destacou os éxitos acadados polo deporte feminino nos últimos meses, que "están amosando a todos que cando se vos dá unha oportunidade respondedes, por iso estou convencida do éxito desta asociación, sobre todo porque sei que ides traballar coma un equipo, tal e como indica o voso lema -xuntas facemos equipo".
Na súa quenda, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, destacou que estaban a vivir "un día grande para o Deporte Galego, xa que logramos que mulleres e homes aparezamos en igualdade, e iso é algo que nos ten que satisfacer a todos e a todas".
Ademais do medio cento de mulleres relacionadas co deporte que acudiron á presentación, Mudega conta co apoio de coñecidas deportistas galegas como Tamara Abalde, Teresa Portela, Tamara Valderrama, Xulia Vaquero, Eva Castro, Marta Bobo, ou Marta Beltrán, entre outras.