Esta é unha das case 200 queixas recollidas na cidade da Coruña polo programa Liña do Galego, nos 10 meses que leva funcionando.
Imaxe da rolda de imprensa
A Liña do Galego botou a andar a finais do ano pasado, como resultado dunha iniciativa da Mesa Pola Normalización Lingüística. A finalidade deste proxecto é ofrecer asesoramento e apoio ante aqueles casos nos que sexan vulnerados os dereitos que, por lei, se lle recoñecen ao noso idioma. A Mesa e a Concellaría de Educación de Coruña ofreceron unha rolda de prensa conxunta para facer balance dos resultados recollidos na cidade, onde se rexistraron 181 queixas, 25 consultas e nove chamadas de parabéns.
De entre as 181 queixas chaman a atención a da imprenta Porvén, que engadía un sobreprezo aos traballos impresos en galego. Á Liña do Galego chegaron dúas queixas de particulares que encargaron a impresión de textos en galego que chegaban á empresa preparados para plasmarse no papel. Tratábase dun recordatorio da primeira comuñón e unha invitación de voda. En base a estas queixas A Mesa pediu á empresa que suprimira o sobreprezo e esta rematou por acceder. Outro caso é o dun xefe de sección do Carrefour, quen respondeu a unha empregada que falaba en galego coa seguinte frase: "Burra, no me hables en lenguas menores". No que se refire á súa división por sectores, o Concello da Coruña rexistrou 109 queixas, a delegación da administración galega seis e o ensino 28. As queixas referidas ás institucións públicas son maioría, e só 19 chegan de empresas privadas.
Ao falar das 25 consultas recibidas, o presidente da Mesa, Carlos Callón, afirmou que "algunhas das consultas foron de persoas que queren dar a coñecer casos de discriminación mais que non se atreven a dar o paso de presentar unha queixa pola especial vulnerabilidade das súas situacións". Callón valorou de forma positiva o funcionamento da Liña do Galego, que definiu como unha iniciativa "útil e innovadora".
A concelleira de Normalización Lingüística da cidade, Ermitas Valencia, afirmou que este proxecto constitúe un termómetro para eles, permitíndolles avaliar o funcionamento da propia Concellaría.