O voo da Axencia de Intelixencia estadounidense que fixo escala o pasado 31 de agosto no aeroporto vigués de Peinador pasou "todos os controis de seguridade". Así o anunciou Jaime Comesaña, director de operación de Aviation Handling, empresa que atendeu o voo da CIA quen asegura que membros da Policía Nacional e a Garda Civil inspeccionaron "a fondo" o aparato sen atopar irregularidades ou indicios da súa relación coa CIA. Ao mesmo tempo, Amnistía Internacional vén de presentar unha serie de informes nos que denuncia a complicidade dos estados membros da UE no programa de ‘entregas extraordinarias’ dirixido polos Estados Unidos.
Jaime Comesaña, director de Aviation Handling, empresa encargada da xestión dos voos privados de Peinador, asegurou que o suposto voo da CIA que fixo escala no aeroporto vigués o pasado 31 de agosto pasou "todos os controis" de seguridade. Segundo Comesaña, ao tratarse dun voo non europeo están na obriga de avisar da súa chegada á Policía Nacional e á Garda Civil, os cales inspeccionaron "a fondo" o aparato.
Segundo o responsábel de Aviation Handling, os dous homes que viaxaban a bordo parecían "empresarios normais" e aclarou que os traballadores da súa empresa só falaron cos membros da tripulación. Os pasaxeiros pasaron a noite no Hotel NH Palacio de Vigo, o que contradí as primeiras informacións que apuntaban a que tiñan pasado a noite dentro do avión.
Comesaña asegurou que non é "nada estraño" que este tipo de avións realicen escalas técnicas no aeroporto de Vigo, porque é un "punto estratéxico" nas rutas de voo.
Amnistía Internacional denuncia a complicidade de varios estados europeos
Pola súa parte, Amnistía Internacional vén facer públicos varios informes en relación aos supostos voos segredos da CIA. Nestes informes denúnciase a complicidade de sete estados europeos, catro deles membros da UE co programa estadounidense de "entregas extraordinarias".
A "entrega extraordinaria" é unha práctica ilícita pola cal se detén ilegalmente a unha persoa e se leva, vía aérea en segredo, a un terceiro país no que é vítima de outros delitos, como tortura, malos tratos e "desaparición".
Amnistía Internacional está nestes momentos a investigar se o voo que fixo escala en Vigo ten relación algunha con este programa de entregas. Porén, responsábeis galegos da oenegué, destacan o caso recollido no informe sobre dous cidadáns residentes no Reino Unido que, tras viaxar a Gambia (destino do voo que pasou por Vigo) en 2002, foron secuestrados polos servizos secretos dese país, entregados os estadounidenses e remataron en Guantánamo tras pasar por Afganistán.