Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE ECONÓMICA

Triplícanse os concursos de acredores

As empresas declaradas na antiga suspensión de pagamentos até setembro ascenden ás 120, o triple das 41 que se contabilizaban no mesmo período do ano anterior.

Redacción - 11:30 06/10/2008

A insolvencia está a incrementarse no mundo empresarial e as estatísticas comezan xa a reflectilo. O número de procedementos concursais está a medrar e Galiza non é allea a este contexto de crise. Así o vén de demostrar un estudo elaborado pola aseguradora Crédito e Caución que revela que no terceiro trimestre do ano se multiplicou por tres o número de empresas que se viron obrigadas a acudir á suspensión de pagamentos. Até setembro, podemos contabilizar 120 compañías que se atopan nesta situación, o triple das 41 que se contabilizaban no mesmo período do exercicio anterior.

Segundo os datos extraidos do Boletín Oficial do Estado (BOE), as insolvencias xudiciais incrementáronse un 192,7% nos nove primeiros meses do ano, o que mesmo supera as cifras do Estado español, no que o aumento se situou no 138,8%. Ademais, segundo a compañía de seguros que elabora o estudo, ao longo do cuarto trimestre mesmo se intensificará o incremento da concursalidade por mor das "dificultades de liquidez asociadas á crise crediticia que se poderían prolongar até 2010 e a profunda reestruturación sectorial da construción e dos seus sectores anexos".

A provincia de Pontevedra é a máis afectada polo inicio de procesos de suspensión de pagamentos, con 73 procesos abertos fronte aos 10 de 2007; Pola contra, Lugo é na que menos concursos de acredores está a rexistrar, con cinco casos (rexistrara oito en 2007). Se analizamos os sectores, o da construción é o que leva a peor parte: no Estado español o 24,9% das insolvencias xudiciais concéntranse neste eido. Doutra banda, as expectativas para o futuro non son moi positivas: na actualidade, nove de cada dez procedementos concursais finalización coa liquidación.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: