Tamén recibiron premio 'Bata por fóra/ muller por dentro', de C. Brenlla e 'After Shave', de D. Castro, como mellor documental e mellor curta de ficción.
1977, da directora ferrolá Peque Varela recibiu o galardón no apartado de Mellor Videocreación. A realizadora, afincada en Londres, leva meses encadeando éxitos con este traballo, que mesmo foi seleccionado para participar no Festival de Sundance. 1977 mestura técnicas de animación en 2D e de 3D para reflexionar sobre a homosexualidade feminina e o rexeitamento solcial deste colectivo.
A película Bata por fóra/ muller por dentro, da directora brasileira de orixe galega Claudia Brenlla, recibiu o premio ao mellor documental. Rodada en galego e alemán a película preséntase como unha oda á prenda de vestir máis empregada en Galiza, a bata. Claudia Brenlla neste documental experimental retrata as mulleres que usan esta prenda, os vínculos que existen entre todas elas e o propia bata como símbolo. A banda sonora contou coa colaboración do músico El Puto Coke.
O premio á mellor curtametraxe de ficción foi para a obra do director Daniel Castro After Shave. A película xira ao redor da separación dunha parella. O día que Ali, a moza do protagonista, o abandona, chega a casa a videocámara coa que pensaban gravar os seus momentos máis íntimos. A ironía e o humor, ao tempo que a experimentación e o emprego de técnicas narrativas pouco convencionais valéronlle ao filme para facerse co premio.