As solicitudes serán estudadas por unha comisión integrada por representantes dos ministerios de Xustiza, Interior e Economía e Facenda.
Segundo as últimas estatísticas elaboradas por colectivos de gais e lesbianas, un milleiro de homosexuais foron encadeados pola súa perigosidade social. Agora, o Estado pagará indemnizacións a aqueles que o soliciten e acrediten que o seu paso pola cárcere se debeu á súa condición sexual. As cifras varían entre os dous mil euros para aqueles que permaneceron entre dous e seis meses en prisión e os seis mil para os que estiveron tres ou máis anos. Así se reflicte nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2009, que ven de presentar o ministro de Economía.
Esta normativa diríxese a aquelas persoas que foron enviadas á cadea en aplicación da Lei de 1953 que, á súa vez, modificou a Lei de Vagos e Maleantes de 1933, ou da Lei sobre Perigosidade e Rehabilitación Social de 1974. Ademais, no caso de que esa persoa falecese, a súa parella pode beneficiarse desta indemnización: ben por ser o seu conxugue, ben acreditando a convivencia até, polo menos, os dous anos anteriores á súa morte.
Será unha comisión presidida pola Dirección Xeral de Costes de Persoal e Pensións Públicas quen avalíe cada unha das solicitudes. Á súa vez, este órgano estará formado por representantes dos ministerios de Xustiza, Interior e Economía e Facenda.