O Código Penal prohíbelles aos homosexuais bicarse na rúa e sanciona aqueles que "ofenden o pudor e os bos costumes".
Homosexuais, lesbianas, bisexuais, travestís e transexuais. As rúas de Santiago de Chile ateigáronse este sábado na 10ª Marcha polo Orgullo LGTB en defensa dos seus dereitos. Máis de cinco milleiros de chilenos, segundo os datos da policía, denunciaron a discriminación que sofren no país, onde aseguran que hai máis retrocesos que avances en cuestión de igualdade de dereitos.
Ademais de exixir unha lei contra a discriminación, os manifestantes pediron que se derrogue o artigo 373 do Código Penal, que prohibe expresamente que os homosexuais se biquen na rúa, ao tempo que sanciona a aqueles que ofendan "os bos costumes". Con esta marcha, que se iniciara hai xa dez anos coa presenza tan só de 200 persoas, recórdase o incendio de 1993 dunha discoteca de ambiente homosexual en Valparaíso, na que morreran 16 persoas e outras 30 resultaran feridas. Até o de agora, a investigación deste incidente continúa aínda aberta, á espera de rematar as dilixencias que determinen se foi un accidente ou un acto intencionado.
Liberdade sexual en Chile
Segundo un estudo do Movemento Chileno de Minorías Sexuais (Movilh), as denuncias por discriminación aumentaron en Chile un 16% en 2007 até sumar un total de 57 casos, fundamentalmente en situacións vencelladas coas Forzas Armadas e a Igrexa Católica.
Porén, o informe destaca que este incremento foi paralelo a un descenso na homofobia e transfobia da sociedade chilena: actualmente un 70% da poboación declárase a prol dunha posíbel unión civil entre homosexuais, así como dunha serie de avances para as minorías sexuais.