Din que van negociar as condicións de compra e o prezo da materia prima cos administradores de Indega, pero o leite vanllo recoller directamente aos gandeiros.
Logo de Indega
A comezos da semana a empresa Leite Río sinalaba, nun comunicado dirixido á cooperativa Indega (a segunda máis importante da provincia de Pontevedra) que non había recoller máis leite a este sociedade dende o primeiro de outubro.
Porén, nese día, de mañá, a compañía pertencente ao empresario Xesús Lence, remitíalle un fax á cooperativa pontevedresa sinalando que non tiñan roto as relacións, xa que queren manter as negociacións sobre os criterios que fixan o prezo da materia prima. Neste escrito tamén dicían que pretenden recoller o leite directamente de cada un dos 250 gandeiros asociados a Indega, non o que lles ofreza a cooperativa en conxunto.
No fax, que chegou a mans da xerente de Indega, Susana Penido, a empresa leiteira sinala que "as negociacións das condicións de compra do leite dos socios serán entre os órganos de dirección de Indega e Leite Río para todos os parámetros de calidade, volume e prezo", mais que, a partir de agora, as relacións comerciais hanse facer entre a compañía luguesa e cada un dos gandeiros pertencentes a esta cooperativa, non directamente con Indega, que perde a figura de primeiro comprador. O escrito segue dicindo que este novo sistema, que entrará en vigor a partir desta cuarta feira, "permitirá optimizar o transporte e a xestión redundando nunha meirande eficiencia de custos, tan necesaria nestes momentos de dificultades comerciais no mercado lácteo español".
Perigo de creba para a cooperativa
O propietario e administrador único de Leite Río, Xesús Lence, volveu reiterar, de mañá, estas cuestións, insistindo na súa vontade de "recoller o leite aos propios gandeiros" e contar con Indega só para acordar o prezo. O que non quere Lence, segundo revelou, é abonar a prima que, até esta cuarta feira, pagaban á cooperativa pola súa condición de primeiro comprador. "Queremos seguir mantendo relacións con Indega", reiterou Lence.
Esta cuarta feira, ademais, os tres sindicatos agrarios (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) convocaron unha manifestación ante a sede da Consellaría de Medio Rural para exixir ao Goberno que adopte medidas para evitar o peche da cooperativa.
Na tarde da cuarta os tres sindicatos reuníronse cos administradores de Indega e na xuntanza sinalaron que consideraban que o caso desta sociedade formaba parte dunha estratexia das industrias lácteas para facer presión directamente aos gandeiros, sen a mediación de cooperativas e sindicatos. Polo seu lado, a xerente de Indega, Susana Penido, denunciaba que a decisión de Río ha supor que a súa entidade pase de facturar 13,5 millóns de euros a 3,5, o que, á súa vez, levaría ao peche da cooperativa.