Así o denuncian desde o SLG, agoirando un "outono quentiño" de protestas se as empresas leiteiras non optan polo diálogo.
Non hai escusa para que as complicacións do escenario económico se traduzan en paus para os produtores e aumento de beneficios para as empresas. Así o defenden desde o Sindicato Labrego Galego, que esta cuarta feira xuntou en Lugo centos de gandeiros en defensa dun prezo mínimo para o litro de leite que evite que moitas explotacións estean caendo fora dos ingresos necesarios para garantiren a súa viabilidade debido ao aumento dos custos de produción.
O SLG di ver unha parálise nos foros de diálogo despois da aprobación do contrato homologado, e advirten de que non pode dárselle "carpetazo" ao asunto como se xa estivera solucionado tamén o problema do prezo. Recordan que os prezos continuaron o seu descenso neste tempo, chegando a cifras "inasumíbeis" para as explotacións. Neste contexto, as recentes ameazas e paralizacións da recollida do leite serían na práctica "unha nova imposición de redución de prezos, dada a indefensión que esta ameaza provoca no sector produtor", quéixanse.
De xeito concreto denuncian unha vez máis a actitude da empresa Puleva, que deseñou un plan de abandono de recollidas, "deixando un bo número de explotacións totalmente indefensas e sen ningunha posibilidade de negociar prezo cos seus novos compradores". Láianse ademais de que esa actitude empresarial coincide cun dos momentos de máximo consumo do ano "e cando o prezo debería estar en fase de recuperación".
Convite á negociación
"Que non esperen que imos quedar calados e asinar contratos pola cantidade que eles queiran", avisa Carme Freire, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. Freire acusou as industrias de aproveitar para "chantaxear" os gandeiros e forzar as granxas a venderen á baixa e avanzou que a formación sindical convocará novas protestas nas próximas semanas e meses se a situación no cambia.
Logo da concentración este xoves diante da empresa Pascual, o SLG trasladoulle ao máximo responsábel da compañía, Tomás Pascual, un convite a que, desde a súa posición de presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), traballe para facilitar vías de díalogo que "permitan avanzar no camiño de dotar a este sector da estabilidade e da transparencia que necesita para garantir unha viabilidade futura no sector para todos os axentes que hoxe o compoñen".