Ferlosa deixa sen traballo aos seus 90 empregados 15 días despois de asinar o expediente de regulación de emprego.
Sen ocupación efectiva están os traballadores da louseira Ferlosa dende o pasado luns, segundo denuncian os sindicatos. O 12 de setembro, patronal e empregados asinaran un expediente de regulación de emprego (ERE) no que se acordou que en seis meses se estabilizaría a actividade extractiva e maila comercialización. Porén, os 47 traballadores que non están no paro atópanse sen actividade e aínda demandan tres pagas que lles adebeda a empresa. Así o vén de denunciar o secretario comarcal de UXT-Lemos, Mario Docasar, quen trasladou esta incidencia á inspección de traballo para que se abra unha investigación polo incumprimento do ERE.
O sector da lousa no concello de Quiroga atópase así xa nunha situación límite, despois de que se confirmase a dificultade pola que están a pasar as tres empresas da zona (Ferlosa, Pebosa e Cupiga), abocadas ao peche. O cese da actividade das tres louseiras (as dúas últimas xa o fixeron efectivo) deixará na rúa a algo máis de 200 empregados.
Reaccións de Industria
Pola súa banda, a Consellaría de Industria xa anunciou que destinará máis de 274 mil euros este ano para fomentar a cultura mineira e contribuír á modernización e dinamización do sector, con axudas que poderán chegar até os 68 mil euros. Fernando Blanco vén de ratificar un convenio con oito asociacións mineiras galegas para a posta en marcha destas medidas, que ademais prevén a realización de accións formativas en materia de seguridade e saúde laboral.
Ademais, hai dúas semanas, o conselleiro de Industria tamén anunciara a inversión de 6 millóns de euros nun plan de emprego que se desenvolverá en colaboración coa Consellaría de Medio Ambiente, para que os desempregados do sector louseiro poidan traballar na recuperación de espazos naturais degradados precisamente pola actividade das empresas deste sector.