O eurocomisario de Comercio opina que os congresistas estadounidenses "perderon a cabeza".
A estratexia electoral que condicionou o voto sobre o plan financeiro do goberno estadounidense na Cámara Baixa dos EUA influiría menos na votación que este mércores fará o Senado. Con só un terzo da Cámara Alta afrontando a renovación o próximo mes de novembro, a presión será menor neste caso. É un dos factores manexados por demócratas e republicanos que agardan que desta volta si sexa posíbel a aprobación que os congresistas lle negaron ao proxecto. A beizón dos senadores facilitaría tamén que o plan saia adiante cando volva ao Congreso.
O proxecto de "rescate" financeiro que os senadores votan desta vez introduce modificacións sobre a iniciativa anteriormente rexeitada, en forma de recortes de impostos, garantías fronte a creba para aforros de máis de 100 mil dólares e incentivos para o fomento do uso das enerxías renovábeis nas empresas. De feito, a iniciativa deseñada polo goberno Bush co consenso dos dous grandes partidos dos EUA foi incluída nun proxecto de lei sobre o sector enerxético, favorecendo así que os senadores lle poidan dar a beizón malia a negativa previa da Cámara Baixa.
Mentres, desde a Unión Europea, a Eurocomisión desafiaba este mates aos Estados Unidos a "asumiren a súa responsabilidade", indicando ademais a "decepción" polo rexeitamento inicial ao plan de "rescate". Unha crítica na que o máis belixerante foi o comisario de Comercio, o británico Peter Mandelson, quen opinou que os parlamentarios estadounidenses "perderon a cabeza". Ao tempo, durante a xornada, o Banco Central Europeo inxectaba durante a xornada até 190 mil millóns de euros para evitar problemas de liquidez na banca.