O ministro de Economía, Pedro Solbes, reitera que o sistema financeiro é forte á vez que garante que o "sistema acudirá para axudar" en caso de creba.
O vicepresidente económico do executivo español, Pedro Solbes, subliñou este martes que os aforros dos cidadáns “non corren perigo en ningunha das entidades” e insistiu en que a solvencia do mercado financeiro estatal “serve de exemplo a todo o mundo”. O número dous do goberno saía así ao paso dos continuos rumores sobre a suposta situación crítica de entidades que traballan no Estado Español.
Nunha conferencia de prensa, Solbes intentou en todo momento transmitir unha sensación de tranquilidade á cidadanía. A pesar da desconfianza de moitos analistas, o ministro español reiterou que as entidades financeiras non tiveron “ningunha exposición” a activos perigosos como os das hiptecas 'subprime'.
Solbes deixou a porta aberta a políticas intervencionistas. Así lembrou que cando hai casos graves como o do Banesto ou o do Eurobank “o sistema acode para axudar”. O ministro asegurou que o goberno español, canda o resto dos europeos, leva “un ano traballando contra a crise”. Aínda así, recoñeceu que as dificultades económicas chegaron antes do esperado.