Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AÍNDA QUE VALORA POSITIVAMENTE OS TRES ANOS DE GOBERNO

A dirección do BNG advirte que a súa base demanda "cambios máis profundos"

O Informe Político que se debaterá na vindeira Asemblea Nacional constata un "xiro xacobino" do PSOE e un "simple cambio de formas" no PP.

Redacción - 19:30 22/09/2008

A dirección do BNG xa ten elaborado o Informe Político que vai presentar na Asemblea Nacional do vindeiro 5 de outubro. O texto, que ten que ser referendado polos delegados, fai un breve repaso dos tres anos de presenza no Goberno e dos obxectivos de cara os comicios do vindeiro ano. No documento, que xa analiza a militancia, deféndese a tese de que “o BNG está asentado como referente político e amplos sectores sociais valoran positivamente as achegas do BNG”. Porén, tamén se recoñece que “para o BNG debe ser prioritario neutralizar o escepticismo existente nalgunhas capas sociais, que pode verse agudizado polo contexto da crise económica”. Fronte a isto, o documento interno sostén que “cómpre ilusionar e mobilizar, e a ilusión e mobilización é sempre máis difícil para as forzas políticas cuxa base estrutural descansa en sectores máis críticos e exixentes, que demandan cambios máis profundos”.

Contexto estatal


Na análise do contexto político estatal o Bloque entende que o PSOE está a xirar “cara a posicións máis xacobinas”. Con respecto á crise, os nacionalistas temen que o goberno Zapatero aposte por reducir o gasto público e pola “flexibilización” do mercado laboral o que fará que “boa parte dos custes recaian nos sectores máis desfavorecidos”. No que respecta ao PP, o Bloque considera que hai un simple cambio nas formas que non se está a traducir en movementos de fondo. Como exemplo sinalan a “ofensiva españolista contra o galego, euskera e catalán”.

Aínda así, o Bloque cre que hai “un amplo campo de xogo para influír na política estatal”. A este respecto, o documento subliña que o PSOE intenta por todos os medios a capacidade de influencia do BNG no Estado “polo temor a repercusión nas eleccións autonómicas”

O BNG no Goberno


O Informe Político fai un balance moi positivo dos tres anos de presenza do nacionalismo na Xunta e advirte que “non se verificou a tese de que é a forza maioritaria quen capitaliza a acción dun goberno bipartito”. Porén, a dirección recoñece que a convivencia co PSdeG non foi fácil: “As tensións e conflitos vividos no Goberno foron moitas veces inevitábeis, pero o BNG, con todo, coidou de que non se criase unha imaxe social de desgoberno ou contradición esencial”.

Logo de repasar os logros en cada un dos departamentos rexidos polo Bloque, o Informe Político recoñece que “houbo erros e deficiencias que, nalgúns casos, puideron ser rectificados e noutros deben formar parte da aprendizaxe: “Despois desta experiencia debemos ter máis claro que hai que mellorar aínda máis a relación do Goberno coa organización en todos os chanzos”.


4,23/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: