Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BOLSA DE ALUGUER

Contra a desconfianza dos propietarios, Vivenda ofrece garantías e seis mil euros

Os donos de pisos desocupados dende hai polo menos un ano poden solicitar dende este luns a Vivenda a súa subvención.

Isabel G. Couso - 20:00 22/09/2008

Malia que non hai datos globais exactos, algúns concellos galegos contabilizan un 20% das súas vivendas sen ningún tipo de residentes. Se acudimos ás estatísticas estatais, o 14,79% están desocupadas, o que dá unha cifra próxima aos tres millóns de pisos baleiros no conxunto do Estado. Mobilizar a incorporación destas vivendas ao mercado de aluguer é o obxectivo que se marca a Consellaría de Vivenda co seu Programa de Vivenda en Aluguer, en vixencia dende febreiro de 2006.

Nesta edición, a Xunta destinará unha partida de 900 mil euros a esta liña de axudas, cun prazo de solicitude que permanecera aberto até o vindeiro 31 de decembro. A novidade que incorpora este ano é que os propietarios que teñan unha vivenda baleira dende, polo menos, un ano poderán solicitar unha subvención de seis mil euros incorporando o seu inmoble ao programa.

A Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, subliña o carácter de estímulo desta medida, xa que pretende animar a aqueles propietarios que aínda non tomasen a decisión de alugar a súa propiedade: "o propietario recibirá os seis mil euros en canto asine o contrato, no mesmo momento no que incorpore a súa vivenda ao programa, xa que o obxectivo é mobilizar os inmobles que non teñen uso na actualidade".

Ademais, entre as outras vantaxes que o programa ofrece aos propietarios están a posibilidade de solicitar unha axuda a fondo perdido de até 12 mil euros para obras de rehabilitación ou melloras do inmoble. Asemade, teñen garantido o cobro do aluguer durante cinco anos unha vez asinado o primeiro contrato, asesoramento legal gratuíto ou garantías da conservación do seu patrimonio.

"Para seren efectivas, as medidas teñen que proxectarse a longo prazo"
Encarna Otero subliña ademais o longo percorrido que ten o Programa de Vivenda en Aluguer. Son medidas que se dirixen tanto a propietarios como a inquilinos, dos que se ten en conta a súa situación económica: "isto evita que o programa teña unhas consecuencias inflacionistas, como si sucedeu coa bolsa de aluguer do anterior goberno da Xunta ou a actual Renda de Emancipación, do Ministerio de Vivenda". En calquera caso, ambas as dúas axudas non son compatíbeis, polo que o inquilino deberá optar por unha ou outra subvención.

No caso do programa de Vivenda garántese que o inquilino non destine ao pago do aluguer máis do 30% dos seus ingresos, xa que o resto é financiado pola consellaría. Ademais, a vivenda estará en perfectas condicións (se non o piso non é aceptado) e non hai un límite de idade para acceder á axuda. Os requisitos obedecen ao nivel de renda mensual, que non debe superar en tres veces o IPREM, é dicir, ao redor de 20.122 euros de ingresos anuais ponderados. Doutra banda, colectivos especiais, como vítimas de violencia de xénero ou familias monoparentais poden ser subvencionadas até co 80% do prezo do aluguer.

Segundo os datos dos que hoxe dispón a consellaría hai máis inquilinos interesados no aluguer dunha vivenda, para o que hai listas de espera, que propietarios dispostos a alugala. O departamento financia actualmente o aluguer de 2.970 familias ou unidades convivenciais.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: