Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMEZARÁ ÁS SETE E MEDIA DESTE SÁBADO

Nova manifestación na Coruña en defensa da Ría do Burgo

A marcha, apoiada por BNG, EU, CIG e Adega, entre outras organizacións e colectivos, partirá da Casa das Palmeiras, no Temple.

Redacción - 11:35 20/09/2008

Logo da celebrada o pasado mes de xuño polas rúas da Coruña, a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo convoca unha nova manifestación para este sábado 20 de setembro ás 19.30 do serán. Desta volta, trasládase o escenario da marcha ao propio entorno da ría: transcorrerá entre a Casa das Palmeiras, no Temple (a carón do cruce do Paraugas), e a Praza de Europa do Burgo, do outro lado da ponte sobre a ría.

A Plataforma en Defensa da Ría do Burgo entende necesario seguir presionando na rúa ás diferentes administracións públicas para que asuman de vez a súa inapelábel responsabilidade, "logo do inxusto desleixo de anos e anos de miraren para outro lado todas e cada unha delas (Xunta, goberno central, concellos...) mentres a ría esmorece, ambiental e economicamente, cada vez máis". A Plataforma exíxelle ás institucións con competencias sobre a ría compromisos concretos e verificábeis para a súa necesaria rexeneración.

A Ria do Burgo atópase desde hai anos nun lamentábel estado de contaminación. Ademais do tremendo impacto ambiental que esto implica débense ter en conta as negativas repercusións sobre a actividade pesqueira e o turismo. É por iso que os cidadáns da comarca volve saír á rúa para pedir a aplicación da lei para identificar e deter os causantes directos e indirectos de verquidos á Ría, a finalización do proxecto integral de saneamento, a posta en funcionamento da EDAR de Bens, a definición consensuada coas asociacións de marisqueo dun plano de rexeneración medioambiental de limpeza integral da Ría do Burgo e a propia recuperación dos bancos de marisqueo.

A UE investigará a contaminación na ría
Dando resposta á interpelación presentada por Esquerda Unida, a Comisión Europea vai solicitar á Xunta que lle informe sobre que fixo e que prevé facer para reducir a contaminación na ría do Burgo e A Coruña, ante a sospeita de que os niveis de polución do estuario vulneran a directiva europea sobre calidade das augas marisqueiras. Un incumprimento semellante levou ao Tribunal de Xustiza da UE a condenar a España no 2005 polos altos índices de residuos fecais nos polígonos de bateas de mexillón da ría de Vigo, nun longuísimo expediente que só se pechou en febreiro pasado, cando a Xunta logrou convencer a Bruxelas de que adoptaría as medidas adecuadas para reconducir a situación.

O anuncio de Bruxelas responde a unha demanda do eurodiputado de Esquerda Unida-IU, Willy Meyer, quen, a petición da organización comarcal coruñesa de EU-IU, reclamou en maio pasado ás autoridades europeas que se situasen ante «o lamentable estado» da ría da Coruña e O Burgo a causa as verteduras de augas residuais sen depurar dos concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros.

Segundo Esquerda Unida-IU, a contaminación detectada na zona é «nove veces superior á autorizada para a extracción de moluscos», o que levou á Xunta a ordenar que todo o marisco que se extraia nesa zona sexa transportado para a súa depuración durante polo menos un mes noutras áreas mariñas limpas, ao obxecto de garantir a súa salubridade.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: