Pediuse a fin dos verquidos e a recuperación dos bancos de marisqueo.
A Ria do Burgo atópase desde hai anos nun lamentábel estado de contaminación. Ademais do tremendo impacto ambiental que esto implica débense ter en conta as negativas repercusións sobre a actividade pesqueira e o turismo. Nas últimas semanas viñéronse sucedendo as iniciativas cidadás e políticas, no parlamento español da man de Gaspar Llamazares (IU) e Francisco Jorquera (BNG), no parlamento europeo a través de Willy Meyer (IU) e nos concellos da comarca coruñesa a través de mocións presentadas principalmente polos nacionalistas, e aprobadas de xeito unánime en case todos os lugares.
Pídese a aplicación da lei para identificar e deter os causantes directos e indirectos de verquidos á Ría, a finalización do proxecto integral de saneamento, a posta en funcionamento da EDAR de Bens, a definición consensuada coas asociacións de marisqueo dun plano de rexeneración medioambiental de limpeza integral da Ría do Burgo e a propia recuperación dos bancos de marisqueo.
Este sábado, as entidades que fan parte da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, organizan unha manifestación para exixir o cumprimento destas medidas. A marcha partirá ás sete e media da tarde dende a Praza da Palloza da cidade herculina. A Plataforma está formada, entre outros, por Adega, a Confraría de Pescadores da Coruña, BNG, EU, NOS-UP, CIG, CXT e unha ducia de organizacións veciñais.