O deputado nacionalista asegurou logo da xuntanza co ministro de Economía que hai vontade de diálogo pero que as posicións de partida son aínda moi diverxentes.
O BNG puxo enriba das mesas as condicións para un si ao goberno de Rodríguez Zapatero. O deputado Francisco Jorquera reuniuse este xoves co ministro de Economía, Pedro Solbes, para mostrarlle as súas demandas. Ao remate do encontro, o nacionalista asegurou que, aínda que hai “vontade de diálogo”, as posicións de partida están afastadas.
A formación galega sabe que os dous deputados do Bloque poden ter un papel clave para sacar adiante os orzamentos estatais. Consciente do momento político, a dirección do BNG marcou unha folla de ruta que ten como eixos centrais un maior investimento para Galiza e luz verde a novos traspasos competenciais.
Jorquera subliñou que é condición inexcusábel que se manteña o ritmo inversor para que as infraestruturas comprometidas polo Estado sexan unha realidade dentro dos prazos previstos. Así os nacionalistas reiteran que é preciso que a partida para Galiza represente o 8% do total pero que, á súa vez, incremente o volume de investimento con respecto ao ano anterior. A este respecto, os nacionalistas tamén exixen que se cree no Congreso a Subcomisión de Infraestruturas que demandou no seu momento o Parlamento de Galiza.
Pero dende o BNG tamén fan fincapé na necesidade de dotar a Galiza de maiores cotas de autogoberno. Dende as filas nacionalistas non entenden como segue bloqueado o traspaso de competencias como é o caso de Tráfico. Por iso, demandan compromisos concretos de cara os vindeiros meses.
Facer da necesidade virtude
Na dirección do Bloque consideran que a negociación dos orzamentos pode ser unha das súas mellores bazas na partida que xoga co goberno español. Nun momento de crise, o executivo de Zapatero non pode permitirse o luxo de deixar máis tempo os orzamentos no aire. Os nacionalistas son conscientes de isto e, á mesma vez, que os socialistas españois teñen, debido á aritmética parlamentaria, unha reducida marxe de manobra á hora de establecer pactos.
Jorquera ten a misión de negociar un apoio que pode ser moi beneficioso para o país pero que tamén pode ter uns réditos notábeis para o BNG. En vésperas das eleccións galegas, o Bloque quere mostrar que non ten ataduras á hora de sentar na mesa co goberno español e que esa liberdade pode dar importantes froitos.