Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TELECOMUNICACIÓNS

Caixanova toma o control de R

A caixa de aforros paga 150 millóns de euros a Fenosa e faise co 66% da operadora, mentres que o Banco Pastor mantén o seu 9,9%

Redacción - 10:46 11/09/2008

Unión Fenosa acordou a venda da súa participación do 35,44% no operador por cable R a Caixanova por 150 millóns de euros, segundo informa a Comisión Nacional do Mercado de Valores. A caixa de aforros non agardou o desenlace da opa de Gas Natural sobre a eléctrica e, con esta operación, pasa a ter baixo o seu control á empresa de telecomunicacións, cunha porcentaxe de accións que supera o 66,3%. A compañía eléctrica obtén así unha plusvalía antes de impostos estimada en 80 millóns e Caixanova desembolsará 150 millóns de euros, xa que o prezo global de mercado de R ascende aos 640 millóns de euros.

Esta operación adiantouse sobre o previsto, xa que dende que se anunciara a opa de Gas Natural sobre Fenosa, a entidade que dirixe Julio Fernández Gayoso amosara o seu interese por reforzar a súa participación en R. A caixa decidiu non agardar, fundamentalmente polo apoio co que contaba a operación de compra, ben por parte dos novos accionistas de Fenosa (é dicir Gas Natural), ben polo visto bo da Xunta, que amosou dende un principio o seu interese en que R se mantivese en mans galegas.

Números de R
Mentres, o Banco Pastor, cuarto accionista de R cun 9,9%, mantívose á marxe, se ben houbera especulacións sobre o seu interese en aumentar as súas accións na operadora. Os outros accionistas son un conglomerado de empresas (Grupo Tojeiro, Ferroplast, Jealsa Rianxeira, Ceferino Nogueira, Hijos de Rivera e varios medios de comunicación), o Grupo Z, que posúe outro 9,7% e o Grupo Moll, que ten o 1,5%.

O operador galego de comunicacións por fibra óptica obtivo o ano pasado un beneficio neto de 13,5 millóns de euros, cuadriplicando a cifra do ano anterior. Ademais, os ingresos de explotación acadaron os 166 millóns de euros.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: