Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACS ingresará 2.785 millóns pola operación

Gas Natural pon na mesa 16.750 millóns para facerse con Fenosa

O presidente da Xunta di entender que o capital galego aproveite para saír collendo plusvalías.

Redacción / EP - 09:30 31/07/2008

Gas Natural acordou este mércores adquirir a participación do 45,3% de ACS na eléctrica e lanzará posteriormente unha Oferta Pública de Adquisición (OPA) sobre o 54,7% restante. Estas dúas operacións realizaranse en efectivo, a un prezo por acción de 18,33 euros. Para isto, a gasista catalá terá que desembolsar até 16.750 millóns de euros para facerse co 100% da eléctrica. O volume da nova empresa vaina converter na terceira a nivel estatal.

O prezo ofrecido implica unha prima do 15% sobre o prezo de peche do martes 29 de xullo de 2008 e do 29,4% sobre o prezo medio de Unión Fenosa durante os últimos doce meses. Ademais, implicará unhas plusvalías de 2.785 millóns a ACS, que comprou a súa actual participación na eléctrica en varios movementos a un prezo medio por acción de 11,6 euros.

Operación en tres fases
A operación realizarase en tres fases. Na primeira, a gasista catalá comprará o 9,99% de Unión Fenosa por 1.675 millóns. Posteriormente, unha vez obtido o visto bo da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) e das autoridades de competencia, comprará o 35,3% restante por 5.915 millóns, até alcanzar o 45,3%.

Por último, lanzará nun mes un OPA sobre o 54,7% restante de Unión Fenosa, en cumprimento coa normativa actual, que obriga ao lanzamento dunha operación de compra sobre o 100% ao superarse o 30% dunha sociedade cotizada. O prezo de 18,33 euros por acción acordado descontarase do importe bruto equivalente de calquera dividendo ou distribución aos accionistas de Unión Fenosa que se producise con anterioridade á adquisición. No tempo, ese proceso implica que o peche da compra ao 100% non chegue até a primavera de 2009.


A operación conta co apoio dos dous accionistas de referencia de Gas Natural, que son Criteria Caixa Corp (La Caixa) e Repsol, os consellos de administración da cal ratificaron o seu apoio a esta. A empresa catalá conseguirá deste xeito culminar con éxito unha operación que non foi quen de completar en 2003, cando o intentou sobre Iberdrola, e en 2005, cando non puido mercar Endesa.

Touriño resígnase a saída do capital galego
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumiu este mércores que para os galegos con participación en Unión Fenosa ampliar o seu capital "ten neste momento un custo tan alto", que posibelmente "preferirán recoller plusvalías". "Permítanme que non pase de aí, para dicir iso teño información puntual e rigorosa", asegurou Touriño, "ese é o punto no que estamos".

En declaracións aos medios e preguntado pola operación, o titular do executivo engadiu que, de concretarse a compra da totalidade de Unión Fenosa, "quedaría configurado un grande grupo enerxético", e reiterou que para os accionistas galegos na eléctrica tomar máis posicións é "altamente dificultoso".

Neste momento a presenza de Galicia no conxunto de accionistas de Unión Fenosa redúcese a un 10%, do que Caixanova ten un 5%, Caixa Galicia algo máis do 3% e Banco Pastor pouco menos do 2%. Os tres conseguirían cuantiosas plusvalías se venden estas participacións.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: