Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
IMPLANTACIÓN

Retegal garante que a TDT terá a mesma cobertura da televisión analóxica

A compañía, que acaba de estrear nova sede, investirá 30 millóns euros de aquí a 2010, procedentes de distintas administracións.

Redacción - 17:50 10/09/2008
Manuel López Iglesias, conselleiro delegado; Fernando Salgado, presidente, e Xesús García Porto, xerente de Retegal

Manuel López Iglesias, conselleiro delegado; Fernando Salgado, presidente, e Xesús García Porto, xerente de Retegal

A empresa pública de telecomunicacións, Retegal, inaugurou este mércores nova sede en San Lázaro (Compostela), anunciou a obtención da certificación de calidade ISO 9001 e fixo balance do proceso de ampliación da cobertura da TDT en que se está a centrar actualmente. O secretario xeral de Comunicación e presidente do organismo, Fernando Salgado, informou das previsións, que contemplan que a nova televisión chegue a, cando menos, o 98 por cento da poboación o día do apagón analóxico.

Salgado destacou que na actualidade hai coberturas diferentes dependendo do tipo de canles de televisión. Así, a TVG cobre en analóxico o 99,3% da cidadanía; TVE o 98% e as privadas entre o 75 e o 80 por cento. En dixital, hoxe en día, o múltiplex galego acada o 90%, o público estatal o 87% e os privados arredor do 78% da cidadanía.

As previsións de Retegal son que o 4 de abril de 2010 as canles estatais acaden o 98 por cento (aínda cando as privadas só teñen a obriga de chegaren ao 96%) e que as do país igualen a cobertura analóxica, do 99,3%. Para acadar o obxectivo do 98% será preciso un investimento de 16 a 18 millóns de euros, máis outros 10 a 12 para chegar ao 99,3 no caso das televisións galegas.

Para o resto da cidadanía, unhas 20 mil persoas espalladas por áreas de difícil acceso, estase a conversar co Ministerio de Industria para conseguir que a televisión lles chegue por satélite, segundo informou o secretario xeral.

Salgado descartou que a crise económica obrigue a adiar as datas finais de implantación da nova tecnoloxía, e asegurou que o Estado Español é o único que fixou unha obriga de cobertura case universal da TDT, o que se pode explicar pola baixa implantación doutras tecnoloxías como o cable ou o satélite.

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel López Iglesias, deu conta do proceso que está a seguir Retegal para levar a cabo o apagón analóxico. As primeiras demarcacións en dicirlle adeus á vella tecnoloxía, despois do apagón da Fonsagrada, serán a de Santiago e a de Ourense Leste. Nos dous casos, acaba de culminar a primeira fase de planificación e, de aquí a decembro, procederase á segunda, de instalación e posta en marcha dos reemisores previstos, de xeito que haxa, cando menos, seis meses de convivencia das dúas tecnoloxías antes do apagón.

En marzo de 2009, iniciarase unha campaña de comunicación cara aos cidadáns, para que se pasen á nova tecnoloxía se non queren quedar sen televisión, e instalaranse os enche-ocos para cubrir as áreas onde haxa deficiencias.

As outras demarcacións terán procesos semellantes. Así, Ares e Meda terán o apagón en decembro de 2009 e Domaio e Páramo, o 4 de abril de 2010.

Problemas na Fonsagrada
Fernando Salgado restoulles importancia aos problemas que están a sufrir algúns dos habitantes da Fonsagrada despois do apagón analóxico, en abril pasado, e afirmou que un dos motivos é a incorrecta sintonización das canles, que require de medicións de sinal. Tamén asegurou que na provincia castelá de Soria, onde se produciu outro apagón experimental en xullo, está a haber máis dificultades, a pesar de ser unha zona cunha orografía moito máis sinxela.

Sobre o resto das canles demandadas pola TVG, o posíbel múltiplex das televisións portuguesas e novas canles privadas estatais, López Iglesias dixo que non se poderán levar a cabo até o 2010, coa liberación do espectro radioeléctrico despois do apagón. Sobre as canles locais, afirmou que están a traballar con Retegal nun proceso distinto, pois non contan coas mesmas exixencias, aínda que si suxeitas ás datas de apagón.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: