A audiencia segue a subir no país e o 9,1 por cento dos telespectadores galegos optou polo sistema dixital en abril.
Case un mes despois do apagamento analóxico na Fonsagrada, o 10 por cento dos veciños do municipio lugués segue sen poder ver a TDT. Así o confirmou este venres o alcalde, Argelio Fernández, quen engadiu que se está a traballar para corrixir a situación.
O rexedor da Fonsagrada explicou que haberá que "subir un pouco máis a torre de Muradal" e instalar algún microrreemisor nos lugares de sombra, como "a zona de Freixo e no Val de Piñeira". No Val de Burón "hai dous ou tres núcleos con problemas", segundo Fernández, quen pediu tranquilidade para os veciños e confiou en que todo estea resolto para o verán.
Audiencia en Galiza
Mentres, a TDT acadou no país unha porcentaxe histórica de penetración, do 9,1%, cunha suba de 1,2 puntos fronte a marzo. No mesmo mes tamén se produciu outra marca, aínda que negativa, na porcentaxe de espectadores de televisión analóxica, que baixou até o 73,3 por cento, segundo datos de Sofres.