Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN VIEIROS

Unha imaxe para o galego: Os que estaban detrás das cámaras

Roberto Roget e Xela Rodríguez, gañadores do certame en rede, recolleron os seus premios e contáronnos como foi o proceso de creación.

Redacción - 20:00 10/09/2008

Unha semana despois de daren a coñecer os gañadores do concurso Unha imaxe para o Galego, o certame organizado por Vieiros en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, procedeuse á entrega dos agasallos.

Na categoría de fotografía o premiado foi Roberto Roget (veciño do municipio de Zas), pola súa composición visual "Eu nunca serei yo", unha escolla de entre máis dun centro de fotografías que competían polo recoñecemento. Roget recibiu o seu premio, unha cámara Canon EOS 400 D. Da súa obra subliña o seu obxectivo, o de construír unha mensaxe de autoafirmación que parte dunha escolla sen complexos da lingua galega. Malia que non agardaba facerse co premio, xa nos adiantou que para a vindeira edición tomará man da súa nova cámara fotográfica para volver participar.

Na categoría de vídeo resultou gañadora Xela Rodríguez (natural da Mariña), autora de "o galego: idioma de moda". Recibiu o seu agasallo, unha videocámara JVC Evereio GZ – Mg 275. No seu caso, Xela subliña o humor co que quixo afrontar a situación na que actualmente se atopa a lingua galega. Tamén recoñece que non confiaba en exceso nas súas posibilidades, mais aproveitará este impulso para seguir formándose no eido audiovisual, ao que lle gustaría adicarse.

Así pechouse un ano máis a edición de Unha Imaxe para o Galego, un certame que xa chega á terceira edición e que pon de manifesto que as palabras que definen sentimentos sobre a nosa lingua tamén poden ter forma de instantánea ou de imaxes en movemento.


Ligazóns

3,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: