Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Medre "exponencial" dende hai 20 anos

A toxicidade elevada nas vieiras é "consecuencia" da contaminación das rías

O catedrático de Biozooloxía Mariña da USC e director da Estación de Bioloxía Mariña de Ferrol, Vitoriano Urgorri, advirte do perigo da ASP.

Redacción / Europa Press - 14:30 09/09/2008
A contaminación das rías aumentou nos últimos 20 anos / Foto: Manuel Boo

A contaminación das rías aumentou nos últimos 20 anos / Foto: Manuel Boo

A contaminación rexistrada nas rías do noso país, cos mellores bancos marisqueiros de moluscos bivalvos, aumentou "exponencialmente" nos últimos 20 anos, e a presenza elevada da toxina 'amnésica' (ASP) nas vieiras é "consecuencia" directa desta, segundo Vitoriano Urgorri.

O catedrático de Biozooloxía Mariña da USC e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, en Ferrol, apunta ademais que as zonas de maior riqueza produtiva coinciden, precisamente, coas cinco áreas do litoral onde máis se degradou a calidade das augas: Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Arousa.

O incremento da poboación, a ausencia de depuración dos residuos urbanos, a filtración de fertilizante e outros produtos químicos, así como a actividade industrial e portuaria son os factores que máis contribuíron a esta situación, expuxo Urgorri. A contaminación dos ríos contribúe a agravar esta situación ao desembocaren no mar, sinalou. "Estamos matando a galiña dos ovos de ouro", advertiu en relación á riqueza marisqueira e pesqueira de Galiza.

Trastornos no sistema nervioso

Ademais, o profesor universitario considera que como os trastornos no sistema nervioso que produce a ASP chegan "a medio e longo prazo", os consumidores minimizan a gravidade de inxerir vieira sen ter en conta a súa procedencia. "Pensan que por unha vez que as tomen non pasará nada", apuntou, e engadiu que "a xente consome vieiras da ría alegremente".

Respecto da investigación que se está a levar a cabo estes días, Urgorri sinalou que o ano pasado se soubo dun pedido de 1.500 quilos de vieira fresca, recollida na Ría de Ferrol, para restaurantes de Compostela e das Rías Baixas. Neste senso, reiterou que a única que se pode consumir é a que se extrae das zonas que autoriza o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar).


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: