O voceiro do BNG insiste en que é preciso a constitución dunha comisión bilateral de infraestruturas.
Quintana e Zapatero, nun dos seus últimos encontros
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, lánzalle mensaxes públicas ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero. O líder nacionalista, consciente de que o PSOE tamén depende do apoio do Bloque para sacar adiante os orzamentos estatais, advirte que o BNG non vai dar un cheque en branco. Así, sinalou que o 8% do orzamento comprometido polo goberno español para Galiza “agora xa non chega” xa que esa cifra servía nuns momentos nos que as contas aumentaban cada ano e aseguraban “un nivel de investimento para cumprir os compromisos”.
O Bloque quere mostrar que está disposto a botarlle un pulso aos socialistas e que nestes momentos non van votar a favor se non hai xestos claros do executivo de Zapatero. Unha das principais demandas neste sentido é que se constitúa unha comisión bilateral de infraestruturas que faga posíbel que o TAV chegue a Galiza en 2012.
Quintana considerou “moi positivo” o compromiso do secretario de Estado de Facenda, Carlos Ocaña, de ter en conta a dispersión poboacional e o avellantameno da poboación, pero sinalou que lle gustaría escoitar o mesmo “da boca de Solbes”.