A Xunta exixe 120 millóns de euros para 2009 e bótalle en cara a Madrid débedas pendentes.
A Xunta vai deixar ouvir este xoves as súas reivindicacións en materia de dependencia diante do goberno español. Vicepresidencia xa adiantou que exixirá 120 millóns de euros dos orzamentos estatais de 2009 para poder aplicar con garantías a Lei de Dependencia. O malestar do departamento de Anxo Quintana é evidente xa que denunciou que o executivo de Zapatero aínda lle adebeda vinte millóns de euros
O secretario xeral de Acción Social da Vicepresidencia, Bieito Seara, defenderá este xoves na Comisión Delegada da Dependencia as teses da Xunta. O goberno español intenta poñer de acordo ás comunidades para a distribución de 1.200 millóns de euros en axuda á dependencia. Precisamente, o departamento de Anxo Quintana considera que Galiza precisa un 10% dos fondos totais do estado porque hai que ter en conta criterios determinantes como o avellantamento e a dispersión da poboación.
Dende a Vicepresidencia saben que a negociación vai ser especialmente dura. Aínda así, a Xunta exixe que os orzamentos do vindeiro ano de decidan agora para evitar “atoparse en xullo sen o reparto do nivel acordado, como sucedeu este ano”, sinala Seara.