Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á porta da aprobación do plan para o sector

O PP volve pedir barra libre para o sector acuícola

O PSdeG defende que é un documento amplamente consensuado. Galiza Non se Vende organiza unha concentración este xoves contra o documento.

Redacción - 09:30 27/08/2008

Anteriormente, a dirección do PpdeG xa advertira que de recuperar o poder na Xunta sacarían do caixón o proxecto que no seu momento deseñaran para o sector acuícola e que, entre outros, permitía iniciativas como a paralizada en Touriñán, en plena Rede Natura. Hai algo máis dun ano, e durante unha visita do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ás instalacións de Pescanova, o líder popular subliñaba en concreto a súa intención de facilitarlle á empresa o desenvolvemento dese proxecto concreto.

Este mesmo martes, o voceiro de Pesca do PPdeG, Xosé Manuel Balseiro, recuperaba as críticas ao Goberno actual e acusábao de levar a Galiza a "perder uns anos decisivos que terían garantido o liderado acuícola mundial". Os "tres anos perdidos" para o sector, segundo Balseiro, quedarían reflictidos no traslado a outros países de proxectos das empresas, das que o deputado do PP citou á propia Pescanova e a Stolt Sea Farm.

Ás críticas respondían durante a mesma xornada desde o PsdeG, destacando que a Xunta elaborou agora "en tempo récord" un Plan Galego de Acuicultura do que aseguran que resolverá as eivas deixadas polo PP, partido ao que acusan de tardar 16 anos en elaborar un documento fracasado para o sector. O deputado socialista Modesto Pose insistiu en que o actual proxecto permitiu que todos os axentes implicados "puidesen presentar as súas alegacións" e afirmou que a Consellaría de Pesca respondeu agora "unha por unha" a todas as peticións de modificación.

Protesta de Galiza Non se Vende
Por outro lado, a plataforma cidadá Galiza Non se Vende avanza a súa mobilización este xoves 28 diante da previsíbel aprobación que no Consello da Xunta desa xornada se faría do novo Plan Acuícola. Recordan o rexeitamento ao documento expresado por diversos colectivos do país e acusan a Xunta de ir expropiar terreos "nalgúns dos máis privilexiados e virxes recantos da costa galega, para poñelos en mans das multinacionais do peixe de granxa".

A plataforma acusa ao sector de desenvolver unha actividade económica antiecolóxica, lembrando por exemplo que "fan falla tres quilos de peixe bravo para producir un quilo de peixe de granxa" e denuncian o "forte impacto ambiental e pasaxístico e que compite coa actividade pesqueira artesanal".

A concentración de Galiza Non se Vende será ás 11h fronte ás instalacións da Xunta en San Caetano.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: