Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión de deputados e senadores do PP en Vigo

"Non hai gas", opina Rajoy do Goberno dando por feito o adianto electoral

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo afirma que a Touriño "fáltalle autoridade e autonomía" para facerlle a Zapatero as preguntas "importantes".

Redacción - 15:15 26/08/2008

Desde o PP consideran que o PSOE decidiu en Madrid xa o pasado mes de xullo que se adiantarían as eleccións en Galiza. Nesa idea insistiron este mércores en Vigo o presidente do PP, Mariano Rajoy, e o secretario xeral do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo.

Despois da xuntanza con deputados e senadores do PpdeG, Mariano Rajoy atribuíulle o posíbel adianto electoral ás "pretensións" de Zapatero e principalmente do vicesecretario xeral do PSOE, o lugués Xosé Blanco. "Revela que non hai gas", opinou Rajoy sobre o inminente adianto, advertíndolle ao presidente da Xunta que "pouca autoridade terá" para pedirlle aos electores catro anos máis "cando non pode seguir un ano máis á fronte da súa responsabilidade". "O normal é que os mandatos se esgoten a non ser que un quede en minoría ou sen ideas", dixo Rajoy, afirmando que tamén a falta de ideas sería causa da decisión.

De idéntico xeito se pronunciou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, para quen a reunión do pasado 31 de xullo entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, foi na práctica unha xuntanza para fixar o calendario electoral en Galiza. "Touriño debería dicir xa o que todo o mundo sabe", teimou Feijoo, dando por feito que ese anuncio se producirá esta semana.

Decálogo sobre o TAV
De paso, Núñez Feijoo desafiou o presidente a interpelar ao xefe do executivo español ao respecto das que considerou cuestións "clave" sobre o futuro da alta velocidade ferroviaria en Galiza. Así por exemplo, Feijoo pediu que se exploque por que Galiza "non conta nin con un quilómetro" de TAV electrificado.

O presidente do PpdeG tamén defendeu para o seu partido o protagonismo no impulso do TAV no treito Santiago-Ourense e pediu que se detalle "o número de quilómetros que iniciou o actual goberno español", acusando a Zapatero de deixar "na mesma situación que estaban en 2004" até dez treitos da rede de alta velocidade entre Madrid e Galiza.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: