A Consellaría de Innovación e Industria fai pública unha nova convocatoria para a prestación do servizo sen fíos en áreas industriais que carecían del.
A Consellaría de Innovación e Industria pretende completar a cobertura da internet nos polígonos industriais do país. Así, prevé publicar este mércores no DOG unha nova convocatoria de prestación do servizo sen fíos que beneficiará outros 20 parques empresariais, cun orzamento total de 3,4 millóns de euros.
Antes do 15 de xuño de 2009 contarán con acceso á rede dous polígonos do concello de Moraña e mais os de Noia, Curtis, Boiro, Narón, Arzúa, Guitiriz, Castro de Rei, Cospeito, Xove, Lalín, Meaño, Vilagarcía, Bueu, Agolada, O Carballiño, Verín, Pontedeva e Vilamarín. Para este ano xa se adxudicou en 1,6 millóns de euros un concurso semellante para outros 12 parques.
Industria comezou a estabelecer en febreiro unha listaxe de prioridade de polígonos que carecen de banda larga de calidade no país até un total de 43 instalacións. Os concellos deberán poñer ao dispor da consellaría o terreo necesario.