O DOG publica o programa de axudas, cun orzamento total de 5 millóns de euros.
A Consellaría de Innovación e Industria vai destinar 5 millóns de euros en axudas para conseguir que os 43 polígonos industriais do país que aínda non contan con banda larga, implanten un servizo de conexión sen fíos. Este mércores presentouse o programa, que se pon en marcha coa orde publicada no Diario Oficial de Galicia. Até o 11 de marzo os concellos poderán solicitar esta infraestrutura para os polígonos do seu termo municipal que non dispoñan de acceso á internet de banda larga ou que onde este sexa deficiente.
O conselleiro, Fernando Blanco, explicou que a actividade sumarase ao investimento de máis de 39 millóns de euros realizado por Innovación e Industria entre 2005 e 2008 na achega de internet de banda larga ás vilas galegas e ao proxecto piloto de acceso público a internet grazas á tecnoloxía Wimax, que se está a implantar en 12 concellos cun orzamento de 1.200.000 euros. En Galiza existen actualmente 130 áreas industriais.