Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fronte ás especulacións coa data dos comicios

Industria recomenda que a campaña electoral "clandestina" non free a acción de goberno

O conselleiro de Industria e Innovación, Fernando Blanco, afirma que o seu departamento conta con adxudicar o concurso eólico antes de que remate o ano.

Redacción - 09:30 26/08/2008

"Non ten sentido e non é serio", expresou este luns o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, ao respecto do debate sobre a posíbel redución da actual lexislatura e a inminente convocatoria de eleccións, laiándose da chegada dunha campaña electoral que cualificou de "clandestina". "O problema dos cidadáns é outro", insistiu Blanco, quen dixo estar preocupado co feito de que as especulacións electorais poidan chegar a "paralizar" a acción de goberno. "Nin á sociedade lle gusta moito isto nin sería bo estar continuamente en campaña electoral", comentou ao tempo que aseguraba que o seu departamento seguirá adiante cos proxectos previstos até o de agora.

Nesa liña, referiuse tamén ao concurso eólico, tema estrela na consellaría que dirixe, e para o que se marcara un prazo de seis meses desde o pasado mes de xuño para a súa resolución. A finalización dese proceso fora ademais presentado como un dos eixos que fronte á crise económica destacaron recentemente desde as consellarías baixo o liderado do BNG. Neste sentido, o conselleiro de Industria confirmou o inicio da avaliación de propostas e asegurou que traballan cos prazos previstos e sen pensar nun posíbel adianto electoral.

No estremo de que ese adianto se produza, Fernando Blanco indicou que se tomarán as decisións oportunas, malia non aclarar se a adxudicación se realizaría durante o período do goberno en funcións. Con todo, insistiu en que o proceso proporcionará as máximas garantías de "transparencia". "Se se dá a circunstancia tomaremos as decisións que teñamos que tomar sempre dende o ámbito da transparencia e a democracia", afirmou.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: