O proxecto, que estará listo en 2009, conta cunha subvención de Industria de 47.000 euros.
Xa está en fase de probas un portal a prol da mobilidade sustentábel, que contará con ferramentas de información en tempo real a prol dun transporte responsábel co medio e con xeoservizos, ademais dunha rede social ao estilo da web 2.0.
A web mobilidadesustentable.org está financiada pola Consellaría de Innovación a través do Plan Galego de I+D+i e desenvolvida pola empresa Signo Ingeniería del Territorio. No ano 2007 recibiu unha axuda de 47.000 euros para un traballo que estará rematado en 2009.
O proxecto parte dunha análise da situación do transporte no país e as súas necesidades específicas, como a alta densidade de tráfico nas cidades, motivada pola falta de alternativas para o desprazamento dende o rural.
Entre os distintos servizos para os usuarios da web, prevese ofrecer a posibilidade de crear un perfil de mobilidade, poder calcular os custos económicos e ambientais dun traxecto determinado, buscar alternativas de transporte valoradas en termos de sustentabilidade, ou colaborar con outros usuarios para realizar desprazamentos.
Os datos espaciais empregarán estándares internacionais e as aplicacións estarán desenvolvidas en software libre, para facilitar a portabilidade da información. Tamén se prevé crear unha rede social para que a cidanía atope un foro de expresión e participación a prol dunha mobilidade sustentábel, facilitando iniciativas individuais ou colectivas, como os desprazamentos en grupo, para aforrar recursos e evitar multiplicar os efectos sobre o medio.
Ademais, a información achegada polas persoas usuarias permitirá coñecer as demandas reais de mobilidade, convertendo o portal nunha fonte de información para desenvolver políticas que melloren a oferta no transporte.
O proxecto irase poñendo en práctica en zonas piloto, tanto rurais como urbanas, para observar a súa evolución cara ao futuro. O estudo resultante axudará a deseñar políticas medioambientais e de transportes.