A Universidade de Vigo celebra estes días, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a quinta edición de Forumemprego, un encontro centrado en poñer en coñecemento dos universitarios e universitarias as ferramentas de que dispoñen para introducírense no mercado laboral.
Forumemprego conta con 450 participantes e vén marcado pola celebración do Ano Europeo da Mobilidade, unha circunstancia que vai centrar o debate. A primeira sesión de Forumemprego aborda os servizos que proporciona a Rede Eures, para a busca de emprego en igualdade de condicións de todos os países membros da UE, e compleméntase coa representación de empresas como Antolin Lusitania, Genentech, Banco Bilbao Biscaia, Garrigues ou Anfaco-Cecopesca.
O mércores o protagonista das conferencias é Julio Suárez, consultor de Recursos Humanos e director de Proxectos de Actúa Human Capital, nunha charla que versará arredor xestión de novos traballadores. A potenciación das habilidades profesionais, o emprego na administración pública e os recursos de que se dispón para realizar unha busca activa de traballo son outros temas que durante a semana se tratan en Forumemprego.