A alcaldesa, do BNG, rexeita convocar a comisión de seguimento do pacto -asinado tamén pola Alternativa Canguesa de Esquerdas- tal e como piden os socialistas.
A alcaldesa do Concello de Cangas, Clara Millán (BNG), descartou este venres reunir a comisión de seguimento do pacto polo que se conforma un goberno de coalición entre BNG, PSdeG e Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), tal e como piden os socialistas.
O voceiro do PSdeG, Héctor Fabián Otero, anunciou esta semana que daban por "suspendido" o pacto de goberno e exixiu que se lles outorgase a sinatura delegada nas súas competencias. Neste último punto a alcaldesa mostrouse aberta ao diálogo "no seo do goberno".
Os socialistas consideran que a rexedora se mete nas súas áreas. "Se cada vez que asumo responsabilidades se me vai acusar de inxerencia non podería facer nada", sinalou Millán neste senso. Ademais, criticou a actuación "unilateral" dos socialistas, e afirmou que logo dun ano de goberno tripartito "os veciños merecen un respecto".
Postura de ACE
Tamén lamentou que o PSdeG "mande recados" a través dos medios e pediu que explicasen en que consiste o anuncio de "suspensión do pacto". Ao respecto, a alcaldesa lembrou a "obriga" dos edís de acudir ás xuntas locais e aos plenos.
Pola súa banda, dende ACE discrepan da postura do PSdeG, aínda que coinciden na necesidade de convocar con regularidade a comisión de seguimento do pacto de goberno para analizar e corrixir as posíbeis deficiencias.