O líder do PP teima en subliñar como imprescindíbel unha lei a prol do español e avanza que o seu grupo vaina presentar proximamente no Congreso.
Coas eleccións galegas á porta, o PP ameaza poñer o debate lingüístico en primeiro plano. O líder do partido, Mariano Rajoy, confirmou esta fin de semana que o seu grupo traballa na elaboración dunha lei a prol do castelán. Rajoy explicou, durante unha entrevista concedida en Pontevedra á axencia Europa Press, que se trata dunha iniciativa coa que o PP quere "garantir o uso do castelán" en todo o Estado ao considerar que "están en perigo dereitos individuais das persoas".
"As persoas teñen que ter dereito a falar o idioma que mellor lles pareza e eu son partidario niso da liberdade e do exercicio dos dereitos individuais", afirmou Rajoy. Por este motivo, o presidente do PP avanzou que en canto se inicie o período de sesións no Congreso, o seu grupo presentará unha proposición de lei "para garantir o uso do castelán". "É unha lei de garantía de dereitos individuais, que desenvolvería os artigos da Constitución que fan referencia a eses dereitos", dixo.