Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

Grazas, Paraguai-Aguyje ndéve, tetãygua Paraguái

A galega Ana Miranda, que estivo como observadora nos comicios que lle deron a vitoria a Fernando Lugo, escribe un artigo saudando a toma de posesión do novo presidente.

Ana Miranda - 11:30 16/08/2008

Este é o artigo íntegro:

Grazas, Paraguai-Aguyje ndéve, tetãygua Paraguái


Hoxe (por este venres) vai ser un dia diferente na historia da República do Paraguay. Dende 1947, cando o Partido Colorado asumiu o poder, até 1989, ano no que a dictadura de Stroessner foi derrocada, todos os 15 de agosto cada cinco anos, escenifícabase con formas pseudemocráticas, a asunción presidencial por cada Xefe de Estado que en realidade representaba un cargo obtido pola via dun golpe de Estado, maquillado nos últimos anos pola via do goberno presidencialista dun partido único. Máis este 15 de agosto é un dia diferente, porque empeza unha nova etapa para este pais no que seu pobo non quixo seguir máis con esa dinámica e rompeu nas urnas co sistema de 61 anos monocolor e deu a vitoria o pasado 20 de abril ao Presidente Fernando Lugo, quen encabezaba a lista da Alianza Patriótica para el Cambio (APC), coalición de partidos de esquerda e do partido liberal nada hai exactamente un ano. “Tivemos a ousadia de querer gobernar este pais” afirmaba Lugo o dia da vitoria electoral. Este ex-bispo, apoiado por numerosas organizacións políticas e sociais paraguaias, quere gobernar coa xente e dende abril leva realizados numerosos encontros participativos dentro e fóra do pais, para acadar consellos, participación cívica e compromiso para asumir o mandato con apoios, pois é ben consciente que co 41% dos votos, o Senado paraguaio pode presentar propostas e pretende crear un consenso popular cara a súa xestión gubernamental. O apoio popular a Lugo uniuse nunha fronte popular e social que onte mesmo a última hora da noite, proclamanouno Presidente un dia antes da ceremonia oficial, á maneira popular nun acto aberto organizado polos movimentos sociais, chamado “Congreso Popular dos Movimentos Sociais, ao que asistiron os Presidentes de Venezuela, de Bolivia e a Presidenta de Arxentina. Ali, Lugo agradeceulle á súa xente e tamén aos numerosos apoios internacionais antes e durante a campaña electoral, ter axudado a colocar a Paraguai na escea internacional por algo positivo como o remate dunha etapa histórica dependente e sometida, corrupta e represiva, lembrando que con esta vitoria iniciase “o goberno do pobo”, que foi quen lle deu o poder, a quen debe servir “AGUYJE NDÉVE, TETÃYGUA PARAGUÁI. Grazas, pobo paraguaio, hoxe asumo o mandato do pobo para que o noso pais non sexa só lembrado pola súa corrupción e pobreza, senon pola súa honestidade”.


Paraguai ten case 7 millóns de habitantes, un indice de pobreza extrema do 19,4% -segundo datos do Informe do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvimento (PNUD)-, unha constante e sangrante emigración de poboación nova cara o exterior e de poboación rural cara a cidade que non garante a súa supervivencia pola falla de oferta laboral – e unha profunda inequidade na distribución dos ingresos, con indignantes niveles de desigualdade. Asi por exemplo, o 10% da poboación máis rica, concentra o 40% dos ingresos do pais, mentras que o 40% da máis pobre concentra só o 12% dos recursos. Significativo que a concentración das terras esté en mans de poucos terratenentes ao longo dos 17 departamentos do pais: un 1% dos donos das explotacións rurales maiores (3200 explotacións) teñen o 77% das terras explotables, mentras que o 37% das explotacións máis pequenas (115.000), posúen o 1% das terras rurais.

Ferando Lugo recebe un pais que como el mesmo afirmaba onte “precisa dunha cirurxia maior” e vai ter que demostrar o compromiso social que defendeu na campaña electoral, rachando de forma radical coa acumulación e beneficios individuais e oligárquicos duns poucos para acadar beneficios colectivos para esta poboación ansiosa de mudanzas. O novo Presidente vai gobernar un pais con enormes dificultades en todos os eidos e unha profunda desestruturación, máis como afirmaba o economista Stiglitz, convidado á asunción presidencial xunto con outras personalidades e representantes do mundo enteiro, “Paraguai está nun bon momento para a reactivación económica”. Fernando Lugo non parou un intre dende o 20 de abril, negouse a ter algúns privilexios como a mudanza de residencia, e decidiu ficar no mandato na súa vivenda, iniciou contactos para fomentar a renogociación de Paraguai na integración económica e enerxética da área de Mercosul, reuníndose cos Presidentes de Uruguay, Venezuela e Arxentina e mantivo o pulso ás numerosas presións e tanteos dos privilexiados nestes 4 meses, como as dos monopolistas terratenentes que en boa parte son productores de soia, que xa declararon estes dias que a duración de Lugo non será longa senon garante a propiedade privada. Mentras eles fumigan áreas rurais con impunidade e talan as plantacións autóctonas para a plantación extensiva de soia, esixenlle con arrogancia ao novo Goberno, sen pagar impostos e sen respeitar o medio ambiente e o dereito á soberania alimentar das colectividades. Son, igual que os perdedores políticos e os donos dalgúns medios de comunicación, os ditadores das follas de ruta da intimidación política, baixo a que, Lugo non debe deixarse arrastrar, máis vai ter que apoiarse profundamente nos movimentos sociais, e nese tema, no Movimento Campesino Paraguaio para emprender unha reforma nun pais rico no agro que ten a riqueza concentrada.

Son por tanto amplos, difíciles e numerosos os retos políticos e reformas que debe iniciar este novo Goberno progresista, e que poden resumirse de xeito xeralista nas seguintes: reformas sociais que diminúan a fenda de desigualdade entre ricos e pobres e atención ás necesidades sociais da poboación con menores recursos, desatendidas ao londo dos séculos; reforma agraria integral coa imposición sobre a terra aos terratenentes e a devolución das terras mal habidas; transparencia e optimización da xestión pública e ataque impune á corrupción, presente no Estado paraguaio dun xeito impune e apoiado polos proprios políticos colorados; reactivación da economia, iniciando unha mínima industrialización da materia prima que exporta o pais sen nengún valor agregado para o mesmo; dignificación e reorientación da educación, pois Paraguai está nos últimos lugares de desenvolvimento humano de América Latina, asi, por exemplo, unha meniña guaranifalante de zona rural pode ir á escola 3 anos de media e un home 14 anos (lembro o caso que coñecin en Capiibary, un dos distritos nos que estiven o dia do 20 de abril con motivo da participación na observación electoral internacional, dunha nena de nome Camila que iniciou a escola con 5 anos e que non voltou ate que tivo 7 pois a escola pechou por falta de medios, e o centro máis perto estaba a 100 kms, con imposiblidade dos pais, labregos, para levala); acceso á sanidade para toda a poboación; normalización, normativización e implantación da educación bilingüe; establecimento dunha lei de libertade de prensa e diversificación dos medios de comunicación, profundamente conservadores; respeito e garantia dos dereitos humanos, incluidos os lingüísticos, ...

Fernando Lugo falará no seu discurso presidencial en bilingüe, guarani e español, sendo o primeiro presidente na historia do Paraguai que fala nas dúas linguas oficiales e o himno cantarase tamén por vez primeira na historia deste pais en lingua guarani. Un dado simbólico que ten unha importancia maior, pois o guarani lévase á escena pública, precisando dun pulo forte para a normalización na vida económica, social e pública, incluida a aposta de lingua de traballo no Mercosul (lembran, coma nós, onde o galego ainda non é oficial no Parlamento Europeo?). Paraguai vive un profundo apartheid lingüístico e diglosia, pois o 90% coñece e usa a lingua guarani, máis na vida pública e social, si na cultural por unha minoria, non ten recoñecemento nengún producíndose moitísimas discriminacións en especial contra personas de menor capacidade de defensa dos seus dereitos.

Nun dia tan importante, cómpre felicitar e transmitir solidaridade, apoio e ledicia ao pobo paraguaio, que se une ao proceso común de nacións soberanas da América Latina -ou Indoamérica se prefiren-, lembrando hoxe con nomes e apelidos a un grupo de xente que tiven ocación de coñecer e traballar nas dúas visitas a Paraguai en 2006 e en abril de 2008- meritorios polo seu traballo incesante, como Belarmino Balbuena, lider do Movimento Campesino paraguaio, compañeiros e compañeiras do Partido Converxencia Popular Socialista e de Tekokoyá, aos incansables dignificadores do guarani Perla Alvarez e Miguel Verrón e ao Ateneo de Lingua e Cultura Guarani, ao membros do Sindicato de Xornalistas de Paraguai, á poeta Susy Delgado, ao abogado de dereitos humanos e Premio Nobel Alternativo da Paz Martin Almada, e ás galegas-guaranis Elisa, Olivia e Jerutí, neta, bisneta e tataraneta dun home de Bande que mañá terán un Presidente de apelido galego.

Bo camiño, Paraguai, bo camiño.

*Ana Miranda pertence ao Consello Nacional do BNG. Tamén é voceira en Bruxelas desta formación política.


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: