Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COMEZAN ESTE VENRES DÍA 15

“Levamos catro anos moi fortes e imos tratar de facelo o mellor posíbel”

A parella formada por Antón Paz e Fernando Echávarri fala con Vieiros antes da súa participación na Clase Tornado de vela, coas medallas como obxectivo claro.

Pablo García - 11:00 15/08/2008

Os regatistas galegos ofrecéronlle a Vieiros uns minutos antes de comezar este día 15 a primeira das 11 regatas que determinarán a súa posición final. Falouse moito estes días sobre as condicións no campo que se van atopar regatas de Quingdao, que mesmo levaron á suspensión das regatas programadas para este xoves 14 por falta de vento. Para Echávarri, a principal diferencia que se dá con esta situación é que "os ventos lixeiros e inestábeis sempre favorecen un pouco a sorte abren moito o abanico de favoritos, dado que hai xente que vai arriscar con certos materiais ou certas armas que son críticas con outro tipo de ventos". A parella galega compite mellor con condicións de forte vento, e foi así como conseguiu a maioría dos seus moitos éxitos. Sen embargo levaron a cabo unha preparación específica e, como recoñece o arousán Antón Paz, "estamos ao límite de graxa corporal, para afinar e chegar ben", chegando a suma dos seus pesos a estar " 7 ou 8 quilos por debaixo do normal". Para Paz, estas condicions manteñen intactas as súas posibilidades, xa que " despois dos adestramentos que fixemos nas últimas semanas podemos competir con calquera en velocidade con pouco vento"

A experiencia xoga ao seu favor

Desde o 8º lugar de Atenas'04 as cousas cambiaron moito para a parella galega. Conseguiron, entre outros premios, dous campionatos mundiais ou o galardón World Sailor of the Year concedido pola Federación Internacional de Navegación. Sen embargo, o que máis valora Fernando Echávarri é aquilo que che da o paso do tempo, xa que " 4 anos de experiencia é moito, un factor importante en calquera deporte. Permíteche saber tomar as decisións idóneas en situacións ante as que xa te atopaches".

Amplo abano de favoritos
A pesar de que se agardan ventos medios para o arranque da competición, serán os lixeiros e inestábeis os máis habituais en Beixín durante os días de competición. Isto amplía o número de posibles candidatos. Paz fala dos actuais campións olímpicos, os austríacos Hagara e Steinacher, e os Australianos Bundock e Ashby como principais favoritos, xunto con eles mesmos. Sen embargo, recoñece que "con vento lixeiro as posibilidades ábrense, e podemos incluír os americanos ou os arxentinos, ambos medallistas en Atenas, os ingleses, os holandeses, a parella alamana ou os canadenses, que non son moi bos pero van moi ben con vento lixeiro".

Obxectivo claro: Medallas

Cando lles preguntamos polas súas aspiracións para Beixín os dous foron moi claros. Fernando Echávarri limitouse a responder "unha medalla", mentres que Antón Paz apelou á sorte afirmando que "o máis importante é que vamos tranquilos, a ver si non rompe nada como en Atenas e podemos traer unha medalla olímpica para Galiza, que é a única que nos falta".

Esperemos que todo corra ben entre os días 15 e 21 para estes dous galegos que parten entre os favoritos para acadar a vitoria na que será a última edición da Clase Tornado, fóra do programa olímpico despois de Beixín.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: