Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
SAN FROILÁN

Tensión entre concello de Lugo e hostaleiros na poxa das casetas do polbo

O prato máis típico das festas patronais de Lugo venderase a 6,80 Euros a ración, mentres que a de cachelos e a de pan sairán a 1 Euro.

Redacción - 13:30 13/08/2008

A adxudicación das tradicionais casetas do polbo do San Froilán volveu a celebrarse con polémica esta edición, a primeira na que a concesión se aplicaba por tres anos. Hostaleiros e goberno municipal saíron descontentos dunha xuntanza, na que mesmo houbo que acudir ás bases da convocatoria para non saírense do guión legal.

O primeiro desencontro non se demorou máis que cinco minutos dende o inicio da convocatoria. Todos os hostaleiros abandonaron a xuntanza por non estar de acordo con que se decidira a orde da caseta a poxar por sorteo, no canto de facelo pola orde numérica. As tensións non remataron aí, xa que mesmo un dos empresarios acusou á comisión de festas de falta de respecto, ao tempo que alegaba que a cidade non pertencía aos políticos senón aos traballadores. O tira e afrouxa decidiuse para os hostaleiros, xa que o concello, a xeito de "concesión", aceptou que fosen eles quen fixasen a orde da poxa.

Retomada a xuntanza, iniciouse o concurso, que deparou uns prezos de adxudicación equivalentes aos de saída, agás nunha das casetas. Este feito, que deixa entrever un acordo previo entre os titulares dos diferentes restaurantes, enfadou ao grupo de goberno, tal e como evidenciou a edil de Cultura e festexos, Concepción Burgo, na rolda de prensa posterior.

Prezos das adxudicacións e das racións
Ao final, as cinco casetas adxudicáronse por 129.030, 12.330 euros máis que no ano 2007. En concreto, a caseta número 1 foi adxudicada á polbeira Aurora e fillos, por 17.835 euros; a 3 foi para Ramiro López, que pagará 15.630 euros; a 4 será ocupada polo hotel Torre de Núñez, que abonará 14.475 euros, e a 5 levouna Xantar na feira, por 13.325 euros. O prezo de saída da segunda era de 16.680 euros, pero Manuel de Marce tivo que pagar, finalmente, 23.280 euros para facerse con ela.

Para afrontar estes gastos, xunto cos do persoal contratado, os hostaleiros servirán durante todo o mes de outubro as clásicas racións de polbo, tradicionais no San Froilán. Os prezos establecidos para esta edición ascenden a 6,80 Euros a ración de polbo de 200 gramos; 1 Euro a ración de cachelos e a de pan e 4 Euros polos ¾ de litro de denominación de viño de mesa. Ademais, como todos os anos, as casetas poderán ofrecer ao público outros alimentos e bebidas con prezos que non están preestablecidos pola comisión de festas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: