Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A LOITA DOS HACKERS

A guerra entre Rusia e Xeorxia tamén se librou na rede

Google retirou mapas e outras informacións para que non as utilizasen ningún dos dous bandos.

Redacción - 12:00 13/08/2008

Os ataques dos hackers rusos contra páxinas institucionais e medios de comunicación xeorxianos comezaron uns días antes das operacións militares dun e doutro país. Pero coincidindo cos ataques máis duros das tropas rusas, a ciberguerra tamén se intensificou, e os activistas conseguiron botar abaixo as webs de varios ministerios do goberno xeorxiano, así coma dalgúns medios de comunicación do país.

Os ataques, en aparencia coordinados, manteñen o patrón de guerra cibernética que vén mantendo con outras ex repúblicas soviéticas que atraeron a indignación do goberno ruso por distintos motivos. O mes pasado, houbo un asalto similar contra o goberno lituano. En abril de 2007, Estonia sufriu interrupcións na súa infraestrutura de información polos ataques de crackers rusos que se mostraban contrarios á retirada da estatua que conmemoraba a Segunda Guerra Mundial Soviética no centro de Tallin, capital de Estonia.

Por outra banda, Google tomou a decisión de retirar dos seus servidores un gran volume de infomación que podería ser utilizada por algún dos dous bandos en conflito. Así, borráronse os detalles de todas as estradas e camiños, das vilas e das cidades de Xeorxia, e tamén os dos países veciños, Acerbaixán e Armenia.

Creouse ao redor de Google unha certa controversia polo feito de que o seu confundador Sergey Brin naceu en Moscova. Porén, Google serviu de refuxio virtual a un bo número de páxinas institucionais xeorxianas que foran atacadas por hackers rusos. Así, o xornal Civil.ge foi relocalizado nun dominio de blogger, civilgeorgia.blogspot.com. E mesmo o Ministerio de Asuntos Extranxeiros de Xeorxia utilizou durante uns días un blog, georgiamfa.blogspot.com, para manter a súa actividade. O mesmo tivo que facer o Ministerio para a Reintegración, stateminister.blogspot.com.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: