A alianza de investigadores presentada hai dez días suma xa uns 120 asinantes en Galiza, Euskadi e Cataluña. Falamos con Uxío-Breogán Diéguez, coordinador do colectivo.
Xa existe un Galeusca político, un Galeusca de escritores e un de editores. Parece lóxico polo tanto que naza agora un de historiadores, tendo en conta as problemáticas comúns que unen a Galiza, Euskadi e Catalunya. O obxectivo é afondar no coñecemento da historia dos tres países, con problemas e conflitos comúns no pasado e no presente, e que foron deitando pontes de unión cultural, política e económica ao longo do tempo. Fan agora 75 anos da formalización da primeira unión política e cultural das tres nacións: o Pacto de Santiago asinado en Compostela en 1933.
Trátase dun proceso que vén de atrás, de meses de conversas entre profesores e historiadores dos tres países, e que culminaron a mediados de xullo coa formalización desta alianza de investigadores da historia de Euskadi, Galiza e Catalunya. Por suposto estas relacións xa existían previamente, e este acordo non constitúe máis ca un marco no que formalizar este traballo conxunto, superar obstáculos comúns e en certa forma dar cobertura legal ao que xa se viña facendo.
A creación da nova alianza de historiadores das tres nacións sen Estado foi moi ben acollida nos tres países, xuntando en menos de dúas semanas ao redor de 120 adhesións e atopando moi escasas cautelas entre todos os investigadores que foron convidados a asinar.
"Os historiadores debemos facerlle ver á xente que o presente ten que ver cun pasado"
Nos últimos tempos intensificouse a loita simbólica entre unha visión unificadora e castelancentrista do Estado, defendida dende Madrid por sectores políticos conservadores, e as visións que dende a periferia reclaman unha concepción diversa cultural e lingüisticamente de España. Uxío-Breogán Diéguez, coordinador do grupo, reclama saír fóra do discurso estabelecido nestes termos: "eu, como investigador da historia de Galiza, considero que fago historia dende o centro; só dende unha visión que tome a Madrid como centro pódese interpretar a Galiza como periferia".
A historia é unha construción social, feita sempre a posteriori, sobre feitos consolidados, e conformando un discurso e un punto de vista sobre unha comunidade. Ten como todo discurso unha carga de ideoloxía inevitábel, que non invalida a súa validez científica. Uxío-Breogán Diéguez reclama a necesidade de que a historia adquira unha función social: "os historiadores debemos facerlle ver á xente que o presente ten que ver cun pasado, a nosa función é explicar de onde vén o presente; despois son outros os que deben actuar en función deste coñecemento".
Congreso en outono de 2009
Galiza erixiuse como motor destacado desta asociación, non só porque a alianza se presentase en Compostela, senón pola numerosa e activa presenza de historiadores do país, comezando polo propio Uxío-Breogán Diéguez e Carlos Velasco, e mesmo incluíndo neste grupo a Xosé Estévez, de orixe galega, e representante dos historiadores vascos.
Ademais da realización de investigacións conxuntas, o grande obxectivo da alianza é a organización dun congreso que reúna en outono de 2009 a historiadores dos tres países. Aínda non se decidiu onde se celebrará, pero si se anunciou que as temáticas serán amplas, estruturadas en numerosas seccións e mesas. Nos vindeiros meses sucederanse as xuntanzas para delimitar os aspectos concretos do evento. Uxío-Breogán Diéguez desprazarase por exemplo o 11 de setembro a Barcelona para continuar cos debates.
Aquí podes ler o manfesto completo e adherirte