Finalmente, Bruxelas acepta o informe sobre o acontecido arredor dos vertidos químicos ao Umia.
A Comisión Europea cualificara de "insuficiente" o primeiro informe enviado a Bruxelas sobre este asunto, e solicitara hai xa un ano unha nova resposta sobre a xestión do accidente. Na situación actual, o Goberno afrontaba un posíbel castigo en forma de sanción polo accidente acontecido en setembro de 2006 cando a factoría pontevedresa de Brennta verteu produtos químicos contaminantes ao río Umia.
Agora, e despois de recibir un novo informe, o comisario europeo de Medio Ambiente, Stavros Dimas, considera que a información ´"suficiente" e que "non é necesario adoptar novas medidas". Con todo, pídeselle ás administracións que informen polo miúdo do resultado do proceso xurídico agora mesmo en curso nos tribunais.
A posibilidade de sanción fixera necesario coordinar as consellarías de Medio Ambiente, Industria e Presidencia, neste último caso a través da Dirección Xeral de Protección Civil e a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, departamento este último que se encargou de xestionar a resposta conxunta remitida a Bruxelas para frear a multa.