Sobre unha proposta de diálogo e estabilidade en favor da construción dun Estado "plurinacional", coincidiron este sábado Anxo Quintana (BNG), Íñigo Urkullu (PNV) e Artur Mas (CiU).
"Sempre coa man tendida para dialogar", resumiu Anxo Quintana (BNG) no acto conxunto con Íñigo Urkullu (PNV) e Artur Mas (CiU). Coincidiron todos eles en pedirlle "valentía" ao goberno español a prol do respecto e o recoñecemento das nacións galega, vasca e catalá. Os tres líderes tamén se laiaron da viraxe cara a posicións "centralistas" e pouco sensíbeis cara á realidade plurinacional que lle atribúen ao executivo estatal.
De paso, criticaron a escenificación dos pactos PSOE-PP, concordando ademais na insinuación da probábel existencia de pactos "implícitos", non só coa fin de pecharlle o paso ás forzas nacionalistas, senón tamén de permanecer "de costas" á realidade plural de culturas e linguas que conviven no Estado. Tanto Quintana, como Urkullu e Mas, insistiron en recordarlle ao PSOE a inexistencia dunha maioría no Congreso para os socialistas, e convidaron a esta formación a virar o temón cara ao rego do diálogo.
Igualdade xurídica de galego, éuscaro e catalán co español
Doutra volta, os tres líderes nacionalistas aproveitaron para presentar un manifesto conxunto en favor do respecto ao galego, éuscaro e catalán, censurando a "perversión" e a "mentira" que, na opinión de todos eles, supón a publicitada denuncia da presunta marxinación da lingua castelá nas tres nacións. Fronte a esa situación, o documento acordado polas tres formacións políticas convida a igualar o status legal das linguas.
"Que nos traian un só neno ou nena de Galiza, Euskadi ou Cataluña que despois de anos de escolarización non saiba falar o castelán", desafiou Quintana en defensa das políticas de normalización lingüística das respectivas nacións. Pola contra, recordou o líder nacionalista galego que "por desgraza", ese exemplo si que é posíbel poñelo desde o Galeuscat, onde "poden atoparse cativos que non se expresan correctamente en galego, catalán ou vasco". "Ese é o verdadeiro problema lingüístico que temos que resolver", concluíu.
Quintana insiste no valor do diálogo que garante Galeuscat
Tentar converter "en normalidade política" o que xa é normalidade social, cultural e económica, e tamén histórica. Nesa idea trataba de condensar o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, ao comezo da súa intervención, o desafío sobre o que incidirían os tres líderes nacionalistas nos seus respectivos discursos. Unha chamada a que o Estado español teña a valentía de recoñecerse como o que é: "plurinacional".
Segundo a consideración de Quintana, as forzas que unen a súa voz en Galeuscat caracterízanse por manexar con maior soltura "a virtude do diálogo político", unha sensibilidade da que acusou de carecer ao actual goberno español. O líder do Bloque afirmou que a falta de recoñecemento desa normalidade plural do Estado é o que leva á "perversión" da realidade. "Queren perpetuar as situacións inxustas e por riba convencernos de que os agraviados non o son", reprochou ao respecto da suposta persecución da lingua española. Deseguido lanzou a aposta de Galeuscat a prol "do mesmo estatus xurídico que o castelán para galego, éuscaro e catalán. "Aí lles queda a proposta aos apóstolos do bilingüismo", sinalou.
"Máis que nunca é necesario hoxe o diálogo político", convidou a continuación, explicando que nunha escena difícil social e economicamente o diálogo pode ser ferramenta imprescindíbel para garantir estabilidade política. Esa estabilidade pasa, segundo subliñou Quintana, pola aceptación desde o goberno español do diálogo e a porta aberta aos pactos plurais. "Non hai en toda a traxectoria democrática ningún pacto PP-PSOE que pasase á historia como acordo realmente transcendente", indicou. Nesa liña pediu pactos abertos que procuren consensos amplos e que conflúan na "pluralidade" do escenario estatal. Nese sentido, interpelou directamente ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, reprochándolle que "todo o ardor de diálogo" parecese esvaerse na busca agora de falar "só co PP".
"Temos forza e imos usala", propón Mas
"Non é a do nacionalismo e a defensa das nacións unha tarefa para impacientes", expresou o líder de CiU, Artur Mas, a quen lle correspondeu a intervención inicial. Mas receitou "paciencia" combinada con firmeza para avanzar no recoñecemento nacional, lingüístico e cultural das tres nacións representadas no acto público en Compostela. O dirixente catalán admitiu que a súa formación estaría disposta a sentirse cómoda nun Estado que respecte esa condición plurinacional, pero laiouse de que o actual Estado español non cumpra o requirimento, e queixouse dos "tics centralistas" que na súa opinión imperan na escena actual.
Mas censurou as tentacións de "remuscular" o Estado coas que na súa opinión xogan PSOE e PP. "Galeuscat pode xogar un papel decisivo en moitos temas de importancia", advertiu, "temos esa forza, e imos usala". Na súa opinión, esa situación vai aparecer con claridade no próximo debate sobre orzamentos, un momento onde Artur Mas considera que se evidenciará a "falta de ideas e iniciativa" do actual goberno español.
Por outra parte, Mas referiuse á necesidade de profundizar no respecto a cada unha das tres nacións exemplificando co tema da lingua. Nese sentido, lembrou unha enquisa realizada hai tempo e na que se lles preguntaba aos enquisados do resto do Estado 'Por que pensa vostede que falan catalán en Cataluña?', pregunta á que maioritariamente, 0 85%, responderon 'Para diferenciarse do resto'. Ironizou Mas co sentido da resposta, laiándose de que tanta xente pense que a xente fala a súa lingua propia "para molestar". Segundo reflexionou, nesa consideración de que "hai linguas de segunda ou terceira" xorde por exemplo o manifesto que pide o privilexio para castelán.
Urkullu solicita "resposta Constitucional" para un Estado plurinacional
Fronte ás constricións "homoxeneizadoras" das que acusou ás actuais estruturas do Estado español, o presidente do Partido Nacionalista Vasco (PNV), pediu unha resposta "Constitucional" ás demandas dun Estado plurinacional. Un paso que reclamou imprescindíbel para garantir que a cidadanía das nacións hoxe representadas no acto de Galeuscat poidan exercitar plenamente os seus dereitos e sentírense "cómodos".
Urkullu acusou o presidente do goberno español e líder do PSOE, Rodríguez Zapatero, de botar un tempo "coqueteando" con dous modelos de Estado diferente. Segundo explicou, Zapatero flirteou cun modelo similar "ao do PP: centralista, uniformizador e monolingüe, xerarquizador" e mesmo teimudo en pedir a anulación de avances conseguidos no Estado desde a transición. Opinou Urkullu que o presidente do goberno español optou finalmente por aproximarse máis a ese modelo, despois de adicarlle anteriormente algunhas chiscadelas ás propostas de Galeuscat en favor das "lexítimas aspiracións" a prol dun Estado de base plurinacional.